Solapas principales

O Concello e Xunta únense para resolver o problema de seguridade viaria na AC-544 ao seu paso por Reino

Viernes, 14 de enero de 2011

[14-01-2011] A estrada AC-544, que é de titularidade autonómica, ten sido obxecto de diversas reclamacións tramitadas por este concello, no sentido de pedir a mellora da súa seguridade viaria posto que, entre outras cuestións, para acceder de un lado a outro da estrada, na zona de Reino, os peóns deben atravesar tres carrís. Nunha das marxes, está situada unha marquesiña de transporte público, tendo que cruzar co consecuente perigo, dada as altas velocidades que alcanzan os vehículos nesta zona.

Concretamente, en febreiro de 2006, achegouse á antiga Consellería de Política Territorial, copia dun escrito que os representantes da Asociación de Veciños de Trasmonte nos fixeron chegar, no cal reclamaban "unha solución para os problemas que o exceso de velocidade dos vehículos provocaba nos lugares de Portanxil e Reino". Solicitaban ademais que "as rotondas existentes no chamado Alto dos Barreiros e no lugar de Portanxil se fixesen completas, segundo o modelo da feita na entrada de Feiraco". Así mesmo, os veciños de Reino insistían na "necesidade dun paso elevado que conecte a aldea coa marquesiña do autobús, ao outro lado da estrada".

En xuño de 2008, a Asociación de Veciños presenta no Rexistro do Concello copia dos escritos por eles presentados ante a Dirección Xeral de Estradas (en data 24 de marzo e 8 de xuño de 2008) informando da "inseguridade dos veciños ante as altas velocidades que acadan os vehículos na estrada AC-544, no seu tramo Bertamiráns-Negreira, ao paso pola parroquia de Trasmonte" e "solicitando o apoio do Concello de Ames a tal actuación e a adopción das medidas de respaldo que se teñan por convenientes".

Como solucións, os veciños plantexaban a posibilidade de habilitar unha zona de paso, ben como paso de peóns, ben como paso subterráneo ou pasarela elevada.

O concello xa ten dado traslado de todas estas solicitudes a administración titular da estrada e realizado, así mesmo, todas as xestións correspondentes para que a Consellería adoptase as medidas necesarias e se puidese mellorar a seguridade viaria nestes tramos, dado que o concello non pode intervir directamente nesta estrada, nin adoptar, pola súa conta, ningunha das medidas plantexadas pola Asociación de Veciños.

Na noite do 24 de outubro de 2010, tivo lugar un atropelo na estrada AC-544, que une Bertamiráns con Negreira, ao seu paso polo lugar de Reino. Neste atropelo faleceu un veciño de Ames. Con motivo deste tráxico suceso, o Grupo Municipal Socialista presentou, para a súa aprobación, unha moción ao Pleno da Corporación celebrado o último xoves de outubro, no que se instaba á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para que, de forma inminente, estudara o tipo de solución idónea e adoptara todas as medidas que fosen necesarias para mellorar a seguridade viaria na estrada AC- 544 no seu tramo Bertamiráns-Negreira.

Así, o alcalde remitiulle unha carta ao Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, co obxectivo de facerlle chegar persoalmente esta moción do Grupo Municipal Socialista aprobada no pleno por unanimidade e para solicitarlle que se interesara persoalmente neste asunto, que tanto nos preocupa e, sobre todo, co obxectivo de que a administración responsable desta estrada atopase por fin unha solución definitiva a este problema de seguridade viaria.

Ademais, dende o Grupo Parlamentario do PSdeG-PSOE, o pasado 4 de xaneiro, foi presentada ante a Mesa do Parlamento unha Pregunta para a súa resposta oral en Comisión, na que pedían aclaración sobre si este tramo se pode clasificar como de "alta concentración de accidentes", os tipos de mellora que era posible realizar, así como mse era posible acometer algunha posible actuación dentro do exercicio 2011.

Nesta liña, o mesmo Grupo Parlamentario presentou unha Proposta non de Lei na que literalmente se indicaba: " O Parlamento Galego insta á Xunta de Galicia a desenvolver as actuacións precisas para mellorar a seguridade viaria na estrada AC- 544, no treito Bertamiráns-Negreira, sobre todo en determinados puntos da estrada que son na actualidade un punto de concentración de accidentes e impiden un uso seguro para acceder ao transporte público na zona".

Realizadas todas estas xestións, o pasado 12 de xaneiro ten entrada no concello un escrito da Consellería de Medio Ambiente, T. e I., onde nos comunican que despois de analizadas diversas alternativas para a mellora da seguridade viaria de dito tramo da estra AC-544, considerouse como máis axeitada a execución dun paso superior que permita o cruce do vial. Para elo, está previsto a redacción do correspondente proxecto técnico, do cal enviarán unha copia ao concello cando estea rematado para realizar posteriormente o trámite da consecución dos correspondentes terreos para poder executar a devandita infraestrutura.

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


Tierras de Santiago: "Amplían el vial que une la localidad de Portomouro con Roxos y eliminarán curvas del trazado"