Ás 00:00 do día 17 de agosto entrarán en vigor as novas restricións dirixidas a frear a Covid19 que están recollidas na Orde da Consellería de Sanidade de Galicia, publicada no DOG do 15 de agosto, pola que se modifican determinadas medidas previstas no "Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19". As novas medidas afectan ao sector da hostalaría, ao lecer nocturno, ás xuntanzas sociais e ao consumo de tabaco ou o uso de calquera dispositivo de inhalación.
No día 15 de agosto de 2020, publicouse a ORDE pola que se modifican determinadas medidas previstas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e que entrará en vigor ás 00.00 horas do 17 de agosto de 2020.
Hostalaría
En dita Orde a Consellería de Sanidade de Galicia, establece que os establecementos de hostalaría e restauración deberán pechar non máis tarde da unha da madrugada e non permitir o acceso de ningún cliente desde as 00.00 horas.
O consumo dentro do local poderá realizarse en barra ou sentado en mesa, ou agrupacións de mesas, e deberase asegurar o mantemento da debida distancia de seguridade interpersoal entre clientes (1,5 metros), tanto entre os situados na barra como nas mesas ou agrupacións de mesas.
En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser o caso, agrupacións de mesas. A ocupación máxima será de dez persoas por mesa ou agrupación de mesas. A mesa ou agrupación de mesas que se utilice para este fin deberá ser acorde co número de persoas e permitir que se respecte a distancia mínima de seguridade interpersoal entre elas.
Lecer nocturno
Os locais de discotecas e demais establecementos de lecer nocturno permanecerán pechados.
Entenderanse por establecementos de lecer nocturno, para os efectos do establecido nestas medidas, as discotecas, pubs, cafés-espectáculo, salas de festas, así como as salas de concertos que desenvolvan as súas actividades de forma análoga aos anteriores.
A medida será de aplicación tanto respecto do interior dos locais como das terrazas destes establecementos.
Xuntanzas sociais:
En canto a reunións de grupos de persoas en espazos privados (abertos ou pechados) recoméndase: ouso de máscara, no caso de reunións ou de posible confluencia de persoas non conviventes; o mantemento da distancia de seguridade interpersoal, e aplicación de medidas de hixiene.Tamén se recomenda restrinxir os encontros sociais fóra do grupo de convivencia estable e limitar os encontros sociais a un máximo de dez persoas.
Consumo de tabaco ou uso de calquera dispositivo de inhalación
No caso particular de consumo de tabaco ou de cigarros electrónicos na vía pública ou en espazos ao aire libre, incluídas as terrazas, só se poderá exceptuar a obriga de uso de máscara, e exclusivamente durante o indicado consumo, sempre que, tendo en conta a posible concorrencia de persoas e as dimensións do lugar, poida garantirse o mantemento, en todo momento, da distancia de dous metros con outras persoas. Esta norma será aplicable tamén para o uso de calquera dispositivo de inhalación de tabaco, pipas de auga, cachimbas e asimilados.