- Tematica
O Concello de Ames, a través do departamento de Benestar Social e Igualdade, instalará unha caravana morada no Milladoiro, o día 8 de agosto; e outra en Bertamiráns, o mércores 9, con motivo da programación que se vai desenvolver en ámbalas dúas xornadas polas festividades da Madalena e da Peregrina. No caso do Milladoiro, será colocada nos arredores da Casa da Cultura, mentres que en Bertamiráns estará a carón da zona de aparcamento do Pazo da Peregrina.
A caravana morada é un instrumento que busca actuar fronte á violencia machista e acercar servizos integrais ás vítimas. Este punto establécese durante eventos de ocio, e serve para denunciar agresións machistas; e para acompañar e atender ás vítimas. Tamén se emprega como lugar informativo para saber como actuar fronte a este tipo de violencia.
Os compoñentes da caravana morada que estarán presentes son unha psicóloga xurídica especializada en xénero, e unha educadora social e axente de igualdade. Así, este espazo responde a un obxectivo dobre: atender, informar e axudar ás vítimas de agresións e tamén sensibilizar e visibilizar ante a sociedade as agresións sexuais nas festas.
Caravana morada nos dous principais núcleos do concello
No caso do Milladoiro, a caravana morada instalarase o martes, 8 de agosto, nos arredores da Casa da Cultura da localidade. Estará operativo durante unha das grandes citas da festas da Madalena, o concerto do grupo Heredeiros da Crus, que se desenvolverá no paseo da Igualdade a partir das 22:00 horas.
A xornada seguinte, o 9 de agosto, trasladarase o punto a Bertamiráns, á zona de aparcamento do Pazo da Peregrina. Será con motivo da actuación da orquestra Panorama no campo de festa da Peregrina, que dará comezo ás 23:00 horas.