Solapas principales

O Concello lanza un vídeo para animar á veciñanza a aforrar auga e informar sobre o estado das captacións

Lunes, 22 de agosto de 2022

O Concello de Ames vén de publicar na web municipal e nas súas redes sociais un vídeo informando á veciñanza sobre o estado actual dos niveis de captación de auga, cunha nova chamada ao uso responsable deste recurso. Na peza audiovisual recórdase a situación límite que está a vivir o concello, explícanse algunhas medidas que pode tomar a veciñanza de xeito sinxelo para reducir o consumo de auga, e pídese a colaboración de todas e todos para mudar a tendencia actual de gasto, que de seguir fará necesarios cortes controlados no subministro nos próximos días. Premendo nesta ligazón pódese ver o vídeo ao completo na canle de Youtube do Concello de Ames.

O Concello de Ames fai un novo chamamento á moderación e á responsabilidade no consumo de auga, co lanzamento dun vídeo que recolle e explica a preocupante situación actual do concello neste senso. Na peza audiovisual, o alcalde de Ames, Blas García, pide a colaboración da veciñanza para paliar a escaseza que sofre Ames na captación de auga, un problema que incrementou co recente incremento no gasto.

Tras un mes de xuño positivo, no que coa campaña de concienciación “Augaconsellos” se reduciu o consumo de auga nun 7,69% con respecto ao mesmo período de 2021, os datos de xullo e da primeira quincena de agosto mostran unha tendencia negativa. No mes de xullo o consumo total no concello foi de 183.513 metros cúbicos, o que supón un aumento do 2,82% con respecto ao ano anterior. Esta repunta reafírmase nos datos das primeiras dúas semanas de agosto, no que se gastaron 91.919 metros cúbicos de auga, un 4,13% máis que en 2021.

Deste xeito, e engadindo a situación de seca e as escasas precipitacións ao longo de verán, o estado dos abastecementos de auga municipais é crítico. Se a comezos de mes o nivel do río Tambre estaba 40 centímetros por riba do tubo de captación, en dúas semanas o caudal baixou aos 21 centímetros. Ademais, a captación en Quistiláns está tamén ao límite, bombeando auga a niveis habituais a finais de agosto ou mesmo comezos de setembro. O estado das captacións tamén preocupa nos núcleos rurais sen abastecemento de auga municipal, nos que nalgúns casos xa hai dificultades para servirse de auga en mananciais e pozos.

De non mudar a tendencia de gasto actual, e tendo en conta que a previsión meteorolóxica non adianta precipitacións que poidan mellorar a situación, o Concello de Ames terá que tomar medidas para combater o gasto nos próximos días, como restricións no uso da auga ou cortes controlados no subministro.

Medidas adoptadas polo Concello e campaña “Augaconsellos”

A publicación deste vídeo dá continuidade ás medidas adoptadas polo Concello de Ames dende comezos de xuño co fin de reducir o consumo de auga, como controlar e reducir o rego dos xardíns municipais e das zonas verdes, así como a cantidade de auga potable que se gasta nos baldeos e servizos de limpeza. Ademais, púxose en marcha a campaña “Augaconsellos”, unha serie de recomendacións e medidas para animar á veciñanza a facer un uso responsable da auga de xeito sinxelo nun período estival especialmente caloroso e seco.

A través desta campaña, inclúense varias medidas que pode tomar a veciñanza de xeito sinxelo para reducir o consumo de auga, como usar a ducha en lugar do baño; usar a lavadora chea; limitar o enchido de piscinas; non empregar o váter como papeleira; racionar a auga para o rego; optimizar o lavado de vehículos; revisar posibles fugas de auga; pechar a billa mentres se lavan os dentes, ou limitar o baldeo e limpeza das rúas.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Alertan de que habrá cortes de agua paulatinos empezando por la noche"

Enfoques: "El Concello de Ames publica un vídeo para pedir compromiso en el ahorro de agua"

Imaxe de arquivo do río Tambre ao seu paso pola Ponte Maceira

Multimedia

  • Cartaz da campaña Augaconsellos
  • Embedded thumbnail for