Solapas principales

O Concello pon a disposición das empresas un impreso para que soliciten superficie no futuro parque empresarial en Bertamiráns

Martes, 22 de octubre de 2024

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Urbanismo, avanza no desenvolvemento do polígono industrial de Bertamiráns. Para iso está solicitada unha xuntanza coa conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, para analizar a creación de dito parque empresarial. Ademais, o Concello pon a disposición das empresas un impreso para que acheguen información sobre a superficie que estarían interesadas en ocupar en dito polígono. Con dita información crearase unha relación de empresas interesadas. O novo parque empresarial estará situado no lugar de Caroubáns, próximo á rotonda que dá acceso á estrada AC-544, Bertamiráns – Negreira, e contará cunha extensión de máis de 300.000 metros cadrados. Dende esta zona tería conexión directa coa autovía AG-56 Santiago – Brión. Premendo nesta ligazón podes descargar o impreso de demanda de solo industrial no concello de Ames.

O Goberno municipal leva traballando dende hai tempo para tratar de crear un novo polígono industrial na contorna de Bertamiráns, que estaría situado na zona de Caroubáns, que se atopa próxima ao desvío da estrada AC-544 Bertamiráns – Negreira, dende o acceso norte por Bertamiráns da autovía Santiago-Noia. Para avanzar na tramitación de dito parque empresarial solicitouse unha xuntanza coa conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana.

O alcalde de Ames, Blas García, explica que “se están analizando novas posibilidades de desenvolvemento industrial en Bertamiráns, a través dun cambio nunha delimitación do Plan sectorial. Para levar a cambio esa modificación, o Concello presentará unha proposta coa nova delimitación acompañada da correspondente análise de viabilidade para a proxección deste polígono”.  

O concelleiro de Urbanismo, Víctor Fernández, pon o foco na negociación coa Xunta para crear un novo polígono empresarial en Bertamiráns. “Ames é un concello moi puxante, ten moita demanda de parcelas e de solo empresarial. Singularmente, a zona de Bertamiráns é de interese para moitos empresarios e empresarias, e non ten neste momento ningunha oferta de solo público. Nese sentido, búscase a creación dun polígono que se sitúe xunto á rotonda que leva á estrada de Negreira, no lugar de Caroubáns, que teña conexión directa coa autovía que leva a Brión”.

Relación de empresas interesadas
Por outra banda, o Concello vén de publicar un impreso para que as empresas, que  queiran dispor de terreo no futuro polígono, acheguen información sobre a superficie que estarían interesadas en ocupar e outros datos de interese para o Concello. Con dita información crearase unha relación de empresas interesadas. Nos últimos meses varias empresas mostraron interese en dispor de parcelas no futuro parque empresarial de Bertamiráns, por iso o Concello quere ter unha previsión das empresas que se instalarían neste polígono.

Tal e como se recolle na imaxe que acompaña a esta nova, a superficie que se pretende destinar ao futuro parque empresarial de Bertamiráns é a que está delimitada polas liñas de cor azul e maxenta.

Datos urbanísticos do futuro polígono
O futuro polígono de Bertamiráns tería unha superficie de máis de 300.000 metros cadrados. Trátase dunha área que linda ao leste e norte coa estrada AC-544, que une as localidades de Bertamiráns e Negreira, e cunha parte do núcleo rural de Caroubáns. Na marxe oeste correspóndese co remate do termo municipal e ao sur atopa o límite pola autovía Santiago-Noia e a súa área de afección. A nivel topográfico, dispón dunha pendente en dirección S-N que varía entre las cotas 85-125.

O terreo que se pretende destinar ao parque empresarial actualmente ten unha clasificación urbanística, segundo establece a Lei do Solo vixente, de solo rústico coas afeccións establecidas polo plan básico autonómico. Prevese unha tramitación para a modificación do PXOM co obxectivo de delimitar este novo polígono e adaptarse ao plan sectorial autonómico no relativo ao sector de solo urbanizable de Portanxil-Pegariños.

Disporía de acceso dende a estrada AC-544 e estaría situado próximo á AG-56 Santiago - Brión. Contaría con seguintes usos autorizables: terciario, comercial, almacenaxe, transporte, industria nido lixeira. Deste xeito, prevese un polígono empresarial de carácter local cun vínculo co núcleo urbano de Bertamiráns dado que se atopa moi preto. Non se prevé acollida para implantación de tipoloxías de implantación de industria pesada.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames abre un registro para plasmar la demanda de suelo empresarial junto a Bertamiráns"

El Correo Gallego: "Ames registrará el interés de las empresas en el polígono de Bertamiráns"

A superficie que se pretende destinar ao futuro parque empresarial de Bertamiráns é a que está delimitada polas liñas de cor azul e maxenta