- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Mobilidade, vén de presentar ante a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, da Xunta de Galicia, alegacións ao proxecto de explotación de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros de uso xeral por estradas. As alegacións presentadas céntranse en seis liñas de transporte: ruta da rúa da Rosa - Bertamiráns – A Gándara; ruta da rúa da Rosa – Ameneiro – Casalonga – Firmistáns; ruta da rúa da Rosa – O Milladoiro; ruta polígono Novo Milladoiro – Bertamiráns; e ruta da rotonda de As Viñas - rúa da Rosa. Ademais, proponse para as fins de semana, a creación dunha liña nocturna con parada segura que sexa circular Bertamiráns – O Milladoiro – rúa da Rosa, comezando ás 23:30h con dúas frecuencias de primeira hora e dúas de volta ás 3:00 e 4:00 horas.
Debido ao incremento da poboación de Ames o goberno municipal está traballando na creación dun Plan de Mobilidade Urbano Saudable e Sostible (PMUSS) co que se pretende alcanzar unha serie de obxectivos: accesibilidade para todas ás persoas ao traballo e servizos; mellora da seguridade viaria; reducir a contaminación e o consumo de enerxías non renovables; aumentar a eficiencia e eficacia do transporte público; e mellorar a calidade do entorno e facelo máis atractivo. Unha das áreas de intervención fundamental para ao desenrolo do PMUSS é a potenciación do transporte colectivo, mellorando así a accesibilidade aos grandes centros xeradores de mobilidade (hospitais, polígonos industriais, áreas comerciais, etc).
A nova área de mobilidade creada nesta lexislatura estivo traballando xunto á Concellaría de Urbanismo de cara a dar cobertura ás necesidades e reclamacións que ao longo destes anos os usuarios/as do transporte metropolitano estiveron presentando no Concello. A concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, explica que “se entre todos viramos cara políticas de mobilidade seguras e sostibles, obteríamos grandes beneficios, non só para o Concello de Ames, senón, para toda a área de Santiago de Compostela, debendo ser unha prioridade nas contornas das grandes cidades, como é o noso caso. Dende o Concello de Ames queremos avanzar cara a unha cultura de mobilidade sostible e segura, acordada e compartida na medida do posible polas distintas administracións, sendo necesarios proxectos de colaboración rexionais, nacionais e/ou europeos”.
Coa creación dun Plan de Mobilidade Urbano Saudable e Sostible preténdese aporta unha mellora na calidade de vida dos cidadáns diminuíndo a contaminación acústica e atmosférica, xa que este é un elemento central en calquera política climática, podendo crear así espazos máis limpos e atractivos para a cidadanía, e aumentando a seguridade viaria. Outro dos obxectivos é dispor dunha mobilidade conectada e sostible xa que asegura as necesidades das persoas e as empresas de forma efectiva. Por último, unha cidade organizada e sostible é moito máis atractiva para os inversores, polo tanto, atrae novos negocios e empresas, e de forma indirecta estaríanse a crear novos postos de traballo.
Un dos proxectos de colaboración que se recolle dentro do PMUSS é o do transporte metropolitano entre Ames e Santiago de Compostela. Entre os anos 2008 e 2019 a poboación do Concello de Ames incrementouse en 6.372 habitantes, o que supón un 24,5% aproximadamente. A maioría desta poboación está a elixir os núcleos urbanos como lugar de implantación, e nalgúns casos importantes, os xa denominados periurbanos que rodean a Bertamiráns e O Milladoiro. Dentro desta poboación, Ames destaca por ser o Concello máis novo de toda Galicia, cunha media de idade de 38 anos e un perfil xoven que demanda un transporte eficiente.
Perfil dos usuarios/as do transporte metropolitano
O número de mozos/as entre os 12 e 18 anos que se despraza desde Bertamiráns ou O Milladoiro á capital roza os 2.000 usuarios/as. Na franxa de idade de 19 a 30 anos hai un perfil de viaxeiro/viaxeira variado (estudantes universitarios ou de ciclos superiores; rapaces/rapazas que simultaneamente estudan e traballan; persoas que comezan cos seus primeiros traballos). Este perfil de viaxeiro/a precisa dun transporte a primeira e última hora do día de cara a entrar e saír do seu posto de traballo ou da facultade. A partir dos 31 anos o perfil é de persoas traballadoras que se desprazan a Santiago e no que se atopan moitos traballadores/as que necesitan enlazar coas liñas que van para o polígono do Tambre ou ao polígono de Costa Vella.
O primeiro autobús que chega desde O Milladoiro á rúa da Rosa é ás 7:00h cando o primeiro que sae cara o polígono é as 6:40 horas. Dende Bertamiráns o que chega máis cedo á rúa da Rosa é ás 8:00h, o que imposibilita unha conexión real e eficiente cos polígonos industriais de Santiago de Compostela. Por outro lado, as persoas do Milladoiro que traballan en Bertamiráns, se usan transporte público, teñen a posibilidade de facer a ruta O Milladoiro – Santiago - Bertamiráns, ou coller unha ruta interior que tarda 55 minutos en chegar ao destino, polo que debería haber unha liña directa para poder ir dende O Milladoiro a Bertamiráns e viceversa e sobre o que se traballará directamente no Plan de mobilidade de cara a crear unha liña interna municipal que una ambos núcleos urbanos.
Ademais, moitas persoas de Ames chegan a Santiago para enlazar co tren, autobús ou avión, necesitando dunha liña que chegue máis cedo a Santiago e poida conectar con eses outros transportes, facilitando así o traslado aos aparcamentos e impedindo a saturación dos mesmos. No que corresponde ao perfil de máis de 65 anos, a maior parte destas persoas son viaxeiros/viaxeiras cautivos, polo que se fai imprescindible unha boa frecuencia horaria e conexión cara a Santiago e viceversa, para que os nosos maiores podan moverse de forma independente e segura a maior cantidade de anos posible. Pensemos que nesta franxa de idade precisan desprazarse moi a miúdo os centros hospitalarios.
Finalmente, moitas persoas deste concello desprázanse a Santiago para gozar do seu tempo de ocio, que debido á climatoloxía da zona pasa por ir aos centos comerciais e á praza da zona de Santiago. Ademais son moitos os residentes en Santiago que cada fin de semana se desprazan a Ames, ben ao mercadillo do sábado á tarde, ou como alternativa de ocio. O desprazamento destes usuarios/as realízase principalmente en fin de semana, sendo a proposta de conexións neste período moi deficiente. Se ademais temos en conta o mercado dos sábados en Bertamiráns que atrae un volume importante de xente de Santiago e Milladoiro, vemos que os enlaces entre O Milladoiro e Bertamiráns, e Santiago - Bertamiráns son bastante deficientes en fin de semana.
O alcalde de Ames, José Miñones, incide en que “desde o Concello de Ames consideramos preciso modificar a proposta inicial plantexada levando a cabo un maior despliegue de liñas e frecuencias estratéxicas e que van na liña do que xa trasladamos no seu día á Xunta de Galicia e a Consellería de infraestruturas. Para rematar, engadir que se queremos virar cara a políticas de mobilidade sostibles e seguras temos que reforzar cada vez máis o transporte metropolitano, sendo o momento de educar a nosa cidadanía no uso do transporte público, para seguir avanzando nesta liña e non quedarnos a cola das políticas europeas”.
Alegacións presentadas
As alegacións presentadas céntranse en seis liñas de transporte: ruta da rúa da Rosa - Bertamiráns – A Gándara; ruta da rúa da Rosa – Ameneiro – Casalonga – Firmistáns; ruta da rúa da Rosa – O Milladoiro; ruta polígono Novo Milladoiro – Bertamiráns; e ruta da rotonda de As Viñas - rúa da Rosa.
Na ruta da rúa da Rosa - Bertamiráns – A Gándara proponse aumentar unha frecuencia de luns a venres, de Bertamiráns a Santiago, con chegada a primeira hora da mañá. Así posibilitaríase a conexión coas liñas que van aos polígonos industriais de Santiago, hostalería e outros medios de transporte; aumentar a frecuencia da última hora do día de luns a venres ata as 23:30h dirección A Gándara. Con elo ofreceríase a posibilidade de traslado aos mozos e mozas universitarios e traballadores nun horario moi demandado; crear esta ruta en sábados, domingos e festivos coa seguinte frecuencia: sábados cada media hora con inicio ás 8:00h ata as 14:30h, e cada hora desde as 15:30 ata as 23:30h, e os domingos e festivos cada hora desde as 9:00h ata as 22:00 horas.
Na ruta rúa da Rosa - Ameneiro - Casalonga – Firmistáns pídese ampliar ata as 23:30h a última frecuencia do sábado de ida (dirección Firmistáns). Na ruta rúa da Rosa – O Milladoiro solicitouse incrementar unha frecuencia de luns a venres, dirección Santiago ás 6:45h, así posibilitaríase a conexión coas liñas que van ao polígono industrial e outros medios de transporte (bus, tren e avión); e ampliar frecuencias no horario de tarde de luns a venres. Ademais nesta ruta solicítase que os horarios dende O Milladoiro a Santiago se manteñan cunha frecuencia mínima de 15 minutos no horario de tarde e ampliar ata as 23:30h a última frecuencia de ida a diario (dirección O Milladoiro).
Na ruta polígono Novo Milladoiro – Bertamiráns solítase ampliar unha frecuencia ás 8:30h dirección polígono (volta) de luns a e venres. O obxectivo é posibilitar o traslado ao traballo desde Bertamiráns ao polígono para a veciñanza que traballa en Bertamiráns e evitar coller o vehículo persoal. Tamén se pide ampliar unha frecuencia ás 14:15h dirección Bertamiráns (ida) de luns a venres e ampliar unha frecuencia ás 15:45h dirección polígono (volta), de luns a venres, para o traslado á xornada de tarde e enlazaría coa frecuencia seguinte xa programada das 17:30 horas.
Por outra banda, solicítase ampliar unha frecuencia ás 20:15h dirección Bertamiráns (ida) de luns a venres e ampliar a frecuencia desta liña nos sábados xa que permitiría a conexión con Bertamiráns e O Milladoiro de todas das parroquias de maior poboación de Ames (Biduído, Bugallido e Ortoño), cunha liña mais rápida de 27 minutos, posibilitando o traslado ao mercado de rúa que conta con moita afluencia de vehículos.
Por último na ruta da rotonda de As Viñas á rúa da Rosa solicitouse invertir o sentido da primeira frecuencia, de modo que sexa cara a rotonda de As Viñas. Con iso conseguiríase unha frecuencia desde Santiago ao polígono de Milladoiro a primeira hora do día e permitiría que moita xente vaia traballar ao polígono en autobus evitando coller o vehículo. Así a frecuencia da última hora do día sería de ida dirección Santiago o que posibilitaría que esta mesma xente saía de traballar e poida desprazarse a Santiago en transporte público.
Creación dunha liña nocturna
Ademais, unha das demandas que ao longo destes anos mais se ven demandando pola mocidade Amesán é a posta en servizo dunha liña BUHO nocturna con percorrido de ida e volta a partires das 23:30h da noite en Venres e Sábados. Así, desde o Goberno de Ames proponse para as fins de semana, a creación dunha liña bufo (nocturna) con parada segura que sexa circular Bertamiráns – O Milladoiro – rúa da Rosa, comezando ás 23:30h con dúas frecuencias de primeira hora e dúas de volta ás 3:00 e 4:00 horas. Esta nova liña permitiría mellorar a seguridade viaria da mocidade nun Concello que pasa por ser o mais novo de toda Galicia e que require de medidas excepcionais. O alcalde “espera que non caian en saco roto as demandas plantexadas que non son mais que unha extrapolación do que pide a veciñanza amesá”.