Solapas principales

O Concello presenta o venres, 6 de maio, a segunda edición do concurso Canta con Ames 2022

Martes, 03 de mayo de 2022

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, está xa inmerso na organización da segunda edición do concurso Canta con Ames. A presentación do certame realizarase este venres, 6 de maio, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, ás 18.00 horas. O acto será conducido pola xornalista Loli Gómez, e contará coa actuación das tres gañadoras da edición de 2021: Noelia Bellas, de Bugallido; Lara López, de Negreira; e Carmen Cuevas, do Milladoiro. A entrada para asistir á presentación do certame é libre e gratuíta ata completar aforo.

Tralo éxito da edición de 2021, volve o Canta con Ames 2022. A Casa da Cultura do Milladoiro acolle este venres, 6 de maio, ás 18.00 horas, a presentación da segunda edición deste certame. O acto estará conducido pola xornalista, Loli Gómez, e contarase coa presenza do alcalde de Ames, Blas García, da concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e de Rocío González, responsable da empresa Mirabelle Comunicación, que se encargará da organización do concurso.

Durante a presentación do concurso actuarán as tres gañadoras da edición de 2021: Noelia Bellas, de Bugallido; Lara López, de Negreira; e Carmen Cuevas, do Milladoiro. A entrada para asistir á presentación do certame está aberta a todas aquelas persoas que queiran acudir. A entrada é libre e gratuíta ata completar aforo.

A dito acto tamén vai acudir Antía Montero Segade, veciña do Milladoiro e que ten 15 anos de idade, creadora do cartel que anuncia o evento. Ademais, durante o transcurso da presentación o programa da Televisión de Galicia, Fun polo aire, fará unha conexión en directo, para informar sobre a posta en marcha de dito concurso.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, anima aos veciños e veciñas do Milladoiro e de todo o concello a acudir á presentación da segunda edición do concurso Canta con Ames onde se dará a coñecer o xurado, categorías e fases do concurso.

“Trátase dunha iniciativa que en 2021 tivo moito éxito de participación e público, polo que decidimos seguir apostando por esta fórmula para tratar de dinamizar a actividade nas rúas, o comercio e maila hostalaría durante a época estival. Agardo que este ano tamén haxa un gran número de inscricións e que o nivel sexa tan alto como o ano pasado”, destacou Ana Belén Paz.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Presentan o certame de canción xunto coa TVG"

Enfoques: "El Concello de Ames acogerá la segunda edición del concurso ‘Canta con Ames 2022’"

Imaxe de arquivo do concurso Canta con Ames 2021

Multimedia

  • Gañadoras do concurso Canta con Ames 2021