Solapas principales

O Concello recorda as normas para acudir á Paris de Noia o venres 3 de setembro

Martes, 31 de agosto de 2021

Dende o Concello de Ames infórmase que estará prohibido aparcar desde as 08.00 horas do día 3 ata as 08.00 horas do día 4 de setembro, tanto no aparcadoiro coma na Rúa Agro do Medio, a cal pechará a circulación ás 15:00 horas. Este corte de tráfico non lle afecta aos garaxes da rúa da Cruxa, aos garaxes do número 10 – 12- 14 da rúa Agro do Medio, ao garaxe do número 8 da rúa Agro da Madalena nin aos garaxes da rúa Agro da Vella. Os peóns poderán acceder ás vivendas ou aos negocios. 

A Concellaría de Promoción Económica, en colaboración coa Concellaría de Administración Xeral, Persoal e Urbanismo, organizou o evento que pecha o AmesOn dun xeito seguro. A París de Noia actuará o venres 3 de setembro, os asistentes deberán respectar as medidas hixiénico-sanitarias.

Instalarase unha perimetraxe de vallas de tres metros de altura para evitar que se agrupen persoas dende as rúas para ver o espectáculo. Lémbrase que a normativa vixente en relación á situación sanitaria esixe o rexistro de datos dos asistentes e o seu arquivo por un prazo de 3 meses. Polo que non está permitida a asistencia con entradas que non teñan sido rexistradas cos datos correspondentes. Aquelas persoas que non poidan asistir á actuación deberán enviar un correo a promocioneconomica@concellodeames.gal

O acceso único será pola Rúa Agro do Medio (zona de Carglass) e a acomodación realizarase por orde de chegada. A distribución do espazo será con asentos separados e de xeito individual coa distancia regulamentaria vixente. Non se permite a agrupación de cadeiras.

As entradas serán válidas para todo o concerto, non se permitirá a saída e entrada do recinto durante o mesmo. Poderase entrar no recinto a partir das 20.00 horas e o peche de portas será ás 21.15 horas.

É obrigatorio o uso de xel hidroalcohólico á entrada do recinto. Está prohibido fumar, comer e beber no interior do recinto. Non está permitida a entrada con bebida nin comida, agás auga  no seu envase orixinal. Unha vez na butaca só se poderá circular polo mesmo para acudir aos baños. Haberá baños químicos á disposición do público asistente e PMR incluídos. É obrigatorio manter sempre as distancias e evitar as aglomeracións.

Ana Belén Paz, concelleira de Promoción Económica, recorda que: “Quero agradecer a todas as perdoas que vaian asistir o cumprimento da normativa vixente. Recordar que todas aquelas persoas que non teñan entrada non lle será posible posible ver o espectáculo desde as vallas . Queremos que sexa un evento seguro e cumprindo toda a normativa esperando que os veciños e veciñas así como os visitantes da contorna o entendan”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Blindan Milladoiro para a París de Noia este venres"

O Concello recorda as normas para acudir á Paris de Noia o venres 3 de setembro