- Tematica
O alcalde de Ames, José Miñones, máis o concelleiro de Turismo, Manuel Lens, a concelleira de Promoción Económica, Ana Paz e a técnica de Turismo, Sonia Moure, mantiveron unha reunión telemática co sector empresarial coa finalidade de presentarlles a ruta xacobea “Camiño da Ría de Muros–Noia”. Tamén estiveron presentes o coordinador da ·Asociación de concellos do Camiño da Ría Muros- Noia”, Sebastián Valverde, e o presidente de XEA, Jorge López. Na reunión falouse dos beneficios que para Ames supón que o camiño pase polo territorio municipal. O departamento de Turismo prevé continuar con estas xuntanzas informativas e a vindeira semana reunirase co sector social e cultural.
A ruta xacobea “Camiño da Ría de Muros – Noia” entra en Ames, desde a parroquia brionesa de O Tremor, pola aldea de Carballido, continúa por Cantalarrana e desemboca na ponte da Condomiña. Após de atravesar a estrada xeral que une Bertamiráns con Osebe, a ruta continúa pola estrade vella de Ortoño, pasa por Outeiro, Bugallido e Fraiz e chega a a Moniña, no límite con Compostela. O paso do camiño por este traxecto, lindeiro co núcleo urbano de Bertamiráns, constitúe a última etapa da ruta antes de chegar ao concello de Compostela.
O concelleiro de Turismo de Ames, Manuel Lens, agradece aos participantes o interese amosado e a participación á hora de facer propostas e suxestións: “foi unha reunión fluída na que todo o mundo participou e aportou ideas, agora mesmo estase a traballar no Plan Director que centrará as accións a levar a cabo proximamente polos concellos e por todos os sectores que poden estar implicados no proxecto. Mantivemos esta reunión porque o sector empresarial, evidentemente, ten moito que aportar ao respecto”. Lens engade que “formar parte da Asociación que reúne aos concellos polos que pasa esta ruta supón unha gran oportunidade para por en valor a riqueza cultural e os recursos turísticos de Ames”.
O Camiño da Ría de Muros-Noia, que pasa polo municipio de Ames, acadou a consideración de Ruta Xacobea Oficial no mes de decembro de 2020, despois de que o decano do Consello da Catedral e xefe da Oficina de Atención ao Peregrino, Segundo Pérez, e maila presidenta da asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros-Noia, Teresa Villaverde, asinasen o acordo o día 15 de decembro de 2020.
Este camiño xa era ruta xacobea no século XII. Recuperase logo dunha investigación de tres anos a través da que, logo de revisar cartografía e documentación histórica, puido acreditar que os peregrinos e peregrinas que completaban a ruta que pasa polos concellos de Muros, Outes, Noia, Porto do Son, Lousame, Rois, Brión, Ames e Santiago de Compostela, recibirán a “Compostela”.
Os Concellos que integran a Asociación de Concellos do Camiño da Ría Muros-Noia, entre os que se atopa Ames, elaboraron un traballo documental que conta de máis de 300 páxina sobre esta Ruta Xacobea Oficial. Este traballo foi elaborado polo arquitecto Marcial Rodríguez, o urbanista Javier Harguindey, e mailo arqueólogo e historiador Mario César Vila.
Na actualidade a “Asociación de Concellos do Camiño da Ría Muros-Noia”, traballa no Plan Director que permitirá acadar a delimitación definitiva e protección deste Camiño, así como poder iniciar os traballos para a súa adecuación e para a mellora dalgúns dos seus tramos.
O departamento de turismo ten previsto continuar desenvolvendo reunións deste tipo para dar a coñecer aos distintos sectores esta ruta xacobea. De feito, para a vindeira semana está previsto unha xuntanza con representantes do sector social e cultural.
Revista AmesGo: "O Concello pon en valor a Ruta Xacobea dende Muros-Noia ante o empresariado"