- Tematica
Este martes, 30 de xullo, ás 20.00 horas, o campo da festa de Biduído acolle unha nova sesión da cuarta edición dos “Seráns de Ames”. A iniciativa, que se desenvolve durante os meses de xullo e agosto, acolle nesta ocasión un concerto do grupo SR. Salvaje. Este concerto estaba previsto inicialmente para o xoves 11 de xullo, pero houbo que adialo por choiva. Premendo nesta ligazón podes consultar o cartel ao completo dos “Seráns de Ames 2024”.
SR. Salvaje é unha banda amesá nacida no local de ensaio A Factoría, que conta cun repertorio propio que concentra toda a enerxía propia do rock and roll. Nesta ocasión, chegan a Ames coa xira de presentación do seu segundo traballo “Vuela”, co que xa percorreron Galicia e outros puntos da península.
O grupo ao completo está formado por Guillermo Vistoso, vocalista e guitarrista; o baixista Antón Torroncho, o batería Emilio Iniesta, e o teclista Manuel Gómez. Premendo aquí podes ver un dos seus temas. Con temas directos e intensos, igual que o seu show, esta banda bebe de grupos como M Clan, Revólver, Los Zigarros, Soda Stéreo ou AC/DC, así como do rock americano dos anos setenta.
Esta é a terceira das sesións dos “Seráns de Ames 2024”, que xa se estrearon o 4 de xullo na parroquia de Tapia co pregón ofrecido pola xornalista e escritora amesá, Paula Señarís, o e o concerto do grupo As Maianas. Posteriormente, o 18 de xullo, o campo da festa de Bugallido acolleu o espectáculo de danza e circo “A vida tola de Pajarito”.
Iniciativa “Seráns de Ames 2024”
“Seráns de Ames” é unha programación de verán para todos os públicos que volve ao concello por cuarto ano consecutivo, despois de que no ano 2021 se estrease a iniciativa na praia fluvial de Tapia e no 2022 se ampliase á parroquia de Bugallido. Como novidade, este ano cóntase con Biduído e Agrón como sedes, repartindo así entre catro parroquias (Tapia, Bugallido, Biduído e Agrón) as sete xornadas do programa nas que haberá actividades para todos os públicos.
Xa en agosto, o xoves 1 terá lugar na praia fluvial de Tapia a sesión de xogos “Xogos do Paporrubio”, ás 17:30 horas, e o espectáculo de títeres “Varietés do Animalario”, ás 19:30 horas. Pola súa banda, o xoves 8 de agosto, ás 20:00 horas, o campo da festa de Agrón acollerá o espectáculo de versións musicais de “A banda de Nash”.
Os Seráns de Ames volverán a Bugallido o xoves 22 de agosto na carballeira cunha Foliada do programa Apego, que incluirá a actuación musical de Pablo Díaz e Olga Kirk, ás 19:00 horas. Por último, a programación remata o xoves 29 de agosto en Tapia, co monólogo de Manolo Boquete, ás 19:00 horas.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "El grupo roquero Sr. Salvaje actúa en Biduído"