- Tematica
Continúa unha semana máis a programación “AmesON de verán”, nesta ocasión co espectáculo musical e solidario “Puedes llegar”, da artista brionesa Ruth Cundíns. Trátase dunha proposta que pretende visibilizar desde a música e a arte a enfermidade de Dent, unha doenza minoritaria que afecta gravemente os riles, e que foi estreada o pasado mes de marzo na Casa da Cultura de Bertamiráns. Neste senso, unha nova sesión do concerto terá lugar este sábado 23 de xullo ás 22:30 horas, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Premendo nesta ligazón pódese consultar a programación ao completo do “AmesON de verán” 2022.
O programa “AmesON de verán” continúa o seu curso cunha cita solidaria. Tras as actuacións de Club Naval e do dúo Eva e Camilo, esta semana é a quenda de Ruth Cundíns e do seu espectáculo “Puedes llegar”, un concerto solidario para dar visibilidade á enfermidade de Dent, e que conta coa colaboración de Art for Dent (Asociación Galega da enfermidade de Dent) e dos Concellos de Ames e de Brión. A proposta, que terá lugar sábado 23 de xullo ás 22:30 horas, foi estreada o pasado sábado 26 de marzo no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns, cunha gran acollida.
“Puedes llegar” é un espectáculo con fins solidarios, que parte do tema de Gloria Estefan realizado para os Xogos Olímpicos de Atlanta de 1996, unha das pezas máis recordadas e recoñecidas na historia dos Xogos cunha clara mensaxe de superación. Deste xeito, “Puedes llegar” é unha viaxe por diferentes estilos musicais, onde mediante proxeccións visuais a artista Ruth Cundíns relaciona a música con diferentes temas sociais que xiran en torno o amor e a arte.
Con cada representación recádanse fondos para a investigación da enfermidade de Dent, unha doenza minoritaria que afecta gravemente os riles, a través da asociación Art for Dent. Art for Dent está formada por cinco familias de nenos que padecen esta doenza: catro delas son galegas (de Brión, Muros, Lugo e Pontevedra), mentres que a quinta familia reside en Oviedo. Actualmente, a investigación sobre a enfermidade desenvólvese no Nefrochus (laboratorio de xenética das enfermidades renais), situado en Santiago de Compostela.
Ademais desta colaboración, a Asociación Galega da enfermidade de Dent ten en marcha varias iniciativas para recadar fondos para seguir investigando a enfermidade de Dent. Na páxina web de Art for Dent pódese atopar información detallada sobre as diferentes vías de colaboración que existen, como asociarse, facer unha doazón económica, mercar produtos solidarios ou propoñer ideas solidarias.
Trátase do penúltimo concerto do “AmesON de verán” neste mes de xullo, unha programación con 13 propostas para todos os públicos e con diversidade de xéneros musicais, organizada pola Concellaría de Promoción Económica para dinamizar o comercio local e a hostalaría durante o período estival. A última parada do mes será o próximo venres 29, coa actuación de Habana Café Son na praza Manuel Murguía do Milladoiro.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Melodías solidarias de la mano de Ruth Cundíns"
El Correo Gallego: "Continuará o AmesOn este venres con Habana CaféSon, no Milladoiro"