- Tematica
Co gallo do mes do libro, celebrado en abril cunha programación especial do departamento de Bibliotecas amesán, púxose en marcha un concurso infantil de debuxo sobre o libro e a lectura, ao que a rapazada puido presentar os seus mellores deseños con esta temática. Neste senso, xa se coñecen as dúas gañadoras nas categorías de 6 a 9 anos, e na de 10 a 12 anos. Ambas recibiron esta semana un lote de libros, e as súas creacións volverán en forma de marcapáxinas no Día da Biblioteca, o próximo 24 de outubro.
As bibliotecas de Ames veñen de premiar esta semana ás gañadoras do concurso de debuxo sobre o libro e a lectura, que se desenvolveu durante o mes do libro, do 1 ao 30 de abril. Nese período, a rapazada de entre 6 e 12 anos usuaria das bibliotecas presentou un total de 38 creacións nos propios centros, ou ben a través do enderezo electrónico biblioteca@concellodeames.gal.
O debuxo gañador na primeira categoría, de 6 a 9 anos, foi un traballo titulado “Ler é divertido”, que mostra a unha crianza lendo nun escritorio repleto de libros. Nesta categoría participaron un total de 15 nenos e nenas.
Por outra banda, na segunda categoría, que incluíu á rapazada dos 10 aos 12 anos, participaron un total de 23 debuxos, entre os que resultou escollido un titulado “Eu leo, cal é o teu superpoder?”. O traballo reflicte os pensamentos e a imaxinación dunha crianza mentres le un gran libro morado. Nesta categoría, cómpre destacar a alta participación do alumnado de 6ºA do CEIP de Barouta, que malia non resultaren gañadores enviaron unha boa parte dos deseños.
As gañadoras do concurso recibiron a semana pasada un lote de libros, un dos premios deste certame. Para recibir o outro terán que esperar ao 24 de outubro, Día das Bibliotecas, no que as súas creacións ocuparán uns marcapáxinas especiais que se repartirán nos centros do Milladoiro e Bertamiráns.
O xurado do certame estivo formado polo propio equipo de animación á lectura das bibliotecas de Ames, así como pola concelleira de Cultura, Natividade González.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Ellas son las mejores artistas de las bibliotecas de Ames"