- Tematica
A muralista valenciana Julieta Silla, coñecida como Julieta XLF, estará pintando ata o 10 de setembro nunha Escola Infantil, A Igrexa de Ortoño, Ames, nunha parede candidatada polas propias familias da escola.
Unha das novidades da presente edición é a proposta de obradoiros familiares que se celebrarán no denominado Familia Delas Fest, impartidos por FUNICULAR Arteducación en colaboración coa propia 7H Cooperativa Cultura e co apoio do programa Apego, valorados pola concelleira de Benestar Social de forma moi posiva, cunha “gran acollida, rapidamente se esgotaron as prazas”.
Seguindo o carácter contextual e feminista do Delas Fest, quen participe terá que facer unha recopilación dos nomes familiares e así descubrir ata que póla xenealóxica son quen de chegar, cales son os nomes máis habituais ou os que máis lles chaman a atención.
Despois trasladarán esa información ao graffiti. Usando spray con base de auga sobre plantillas xeométricas construirán nomes dun xeito distinto e creativo. Como o risco de mancharse é grande, recoméndase o uso de roupa e calzados cómodos.
Co motivo da celebración da quinta edición do Delas Fest, durante todo o ano producíronse diversas actividades para reivindicar a presenza das mulleres no espazo público. Ademais das xuntanzas coas anfitroas, no mes de abril proxectouse na Casa da Cultura do Milladoiro un dos capítulo da serie documental Museo a Ceo Aberto, dirixido por Marián Fernández, da cooperativa O Cable Inglés, que estivo presente nun coloquio posterior ao seu visionado.