- Tematica
A muralista valenciana Julieta Silla, coñecida como Julieta XLF, pintou nunha parede da escola infantil A Igrexa, de Ortoño, escollida polas propias familias da escola. A artista plasmou un deseño que tamén puideron escoller as familias.
En palabras da propia artista “o mural fala a través da figura fantástica da mitoloxía galega das mouras do colectivo dos coidados e conecta a realidade coa maxia da creatividade, a natureza e o territorio”. O resultado final foi “unha mestura da combinación de símbolos da terra como poden ser as figuras mitolóxicas das mouras, o toque persoal e as achegas repletas de frescura da rapazada da escola que non está contaminada da nosa visión formal do mundo”, finaliza Julieta.
A concelleira de Benestar Social, Uxía García, resalta a pegada que deixa esta edición do Delas Fest en Ames, “tanto visual con esta magnífica obra de arte, como na memoria da xente coas actividades e obradoiros realizados”.
Unha das novidades da presente edición foi a proposta de obradoiros familiares que se celebraron no denominado Familia Delas Fest, e foron impartidos por FUNICULAR Arteducación, en colaboración coa propia 7H Cooperativa Cultura e co apoio do programa Apego. A concelleira resaltou tamén a “gran acollida destes obradoiros, dos cales rapidamente se esgotaron as prazas”.
Todo o ano se produciron diversas actividades para reivindicar a presenza das mulleres no espazo público. Ademais das xuntanzas coas anfitrioas, no mes de abril proxectouse na Casa da Cultura do Milladoiro un dos capítulo da serie documental Museo a Ceo Aberto, dirixido por Marián Fernández, da cooperativa O Cable Inglés, que estivo presente nun coloquio posterior ao seu visionado.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Arte en feminino co Delas Fest para deixar na escola de Ortoño a pegada das mouras"
AMS GO!: "A artista Julieta Silla pinta un mural na escola infantil A Igrexa de Ortoño"