[12-01-2011] O servizo telefónico 010 de atención cidadá consolídase como unha das principias vías para comunicarse co persoal que traballa no Concello. O servizo, posto en marcha en xuño de 2009, permite obter todo tipo de información dun xeito áxil e directo. Unha operadora atende as peticións da cidadanía de luns a venres, en horario de 07:45 h. a 15:00 horas. Fóra deste horario pódese deixar unha mensaxe e a operadora contactará coa persoa que chamou previamente para solucionar a súa dúbida. As consultas sobre a oferta de emprego, os obradoiros municipais, horarios de diferentes servizos, actividades, programación ou a petición de certificados de empadroamento son algunhas das peticións que máis se repiten dende a posta en marcha deste servizo. O de Ames é o único Concello destas características que conta con este servizo, dando mostra do seu afán innovador en beneficio da cidadanía.
O teléfono 010 é unha vía de comunicación co Concello de Ames, un sistema doado e sinxelo de información telefónica. O feito de lembralo con facilidade convirte ao 010 nun número que veciños e veciñas utilizan cada vez con máis frecuencia. A través do mesmo pódense realizar consultas sobre a xestión de calquera actividade ou servizo municipal, pero tamén achegar propostas e manifestar as queixas que se teñan. Información sobre convocatorias, prazos e axudas municipais, enderezos de interese, actualidade municipal, actos institucionais, deportivos, culturais... Todo ten cabida nun servizo que xa é unha referencia para toda a cidadanía de Ames. O número de teléfono 010 pódese empregar cando se chame dende o termo municipal amiense, mentres que todas as persoas que o fagan dende fóra terán que marcar o número 981 891 478.
Durante o ano e medio que leva funcionando xa foron moitos os veciños e veciñas de Ames que chamaron ao 010 para resolver as súas dúbidas. Durante o primeiro ano de funcionamento a operadora tivo que atender arredor de 3.000 chamadas e, na actualidade, as consultas telefónicas incrementáronse chegando a alcanzar rexistros de preto de medio centenar de chamadas ao día.
As principais consultas que se realizaron a través deste teléfono foron para coñecer a oferta de emprego municipal ou as listaxes dos programas lúdicos, dos campamentos de verán ou da Rede de Comedores Escolares. Tamén se empregou este servizo para pedir diferentes números de teléfono do concello, certificados de empadroamento ou para notificar certas avarías e que a brigada de obras arranxou. A utilidade deste sistema comunicativo varía segundo a temporalidade. Así, durante o verán moitos dos cidadáns chaman para informarse das renovacións dos carnés das piscinas municipais ou o pagamento do imposto de vehículos de tracción mecánica. No mes de decembro as chamadas reclaman información sobre as actividades organizadas con motivo da celebración das festas de Nadal. Pero a maioría das chamadas recibidas son para facer consultas sobre obradoiros, cursos e para coñecer as diferentes convocatorias que saca o Concello a concurso. Moitas persoas tamén chamaron para consultar o horario de apertura do Punto Limpo ou para dar avisos sobre a avaría de algún farol, notificar a limpeza de certos lugares onde medrou demasiado a vexetación e para avisar dos estragos que se producen nas estradas municipais. Porque o servizo telefónico 010 tamén se consolida como unha canle de información encamiñada a mellorar os servizos, infraestructuras e equipamentos do concello. Ademais de transmitir os avisos aos distintos departamentos municipais, dende o de Atención Cidadá faise un seguimento dos asuntos ou peticións que plantexan os veciños e veciñas.
Outras formas de contactar
Non é o 010 a única canle para que toda a cidadanía amiense se poda poñer en contacto coa Administración Local. Os veciños e veciñas poden obter comunicación directa tanto co alcalde como cos diferentes concelleiros e concelleiras a través do correo electrónico de atención ao cidadá. O número de correos electrónicos tamén se incrementou nos últimos meses e son moitas as persoas que utilizan esta canle. O alcalde de Ames atende e revisa semanalmente todos os correos electrónicos que se envían ao departamento de atención cidadá co fin de coñecer as inquedanzas de todos os veciños e veciñas de Ames. Ademais, o rexedor municipal acode todos os xoves ao magazine matinal de Ames Radio, onde resposta a todas as preguntas dos amienses. Dende Atención Cidadá dase resposta a todos os correos recibidos, achegando en cada caso a información solicitada ou ben realizando as xestións que proceda no caso dos avisos. Os correos electrónicos de atención cidadá supoñen así unha canle efectiva para coñecer mellor as necesidades da veciñanza e mellorar a capacidade de resposta para solucionar problemas. Son moitos os correos que alertan de avarías, estado dos equipamentos ou necesidades concretas da poboación.
Outro xeito de contactar coa Administración local é por escrito. Cada veciño ou veciña pode deixar as súas propostas ou queixas no rexistro de entrada. Outra opción é acudir ás dependencias municipais para falar cos técnicos municipais ou cos concelleiros/as. Tamén existe a opción de empregar a ferramenta da liña directa que se pode atopar na páxina web municipal.