- Tematica
Debido ao estado de alarma declarado polo Goberno do Estado no Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo, e ao estado de emerxencia sanitaria, o Departamento de Benestar Social do Concello de Ames está a centrar todos os seus esforzos en garantir a atención e atender as necesidades básicas da poboación máis vulnerable. Para iso, estase a intensificar o reparto de alimentos do Banco Municipal coa recepción, a semana pasada, de preto de 2 toneladas das que xa se fixo o reparto da metade. Durante esta semana cóntase con ter rematado o reparto entre as familias con máis urxencia para despois ir atendendo demandas puntuais.
O reparto de alimentos do Banco Municipal intensifícase no caso de familias con menores a cargo. Para garantir unha mellor prestación ás familias e facer unha optimización dos recursos dispoñibles, o Departamento de Benestar Social traballa en coordinación con Cáritas para poder garantir tanto produtos frescos (por parte de Cáritas Milladoiro) como de non perecedoiros (por parte do Concello) e de hixiene. Desde a administración local agradécese a Cáritas os esforzos que están levando a cabo neste senso.
Para a concelleira de Benestar Social, Luisa Feijoo, a atención á poboación mais vulnerable “foi sempre unha das nosas prioridades e agora é a primeira. Estamos a centrar todos os nosos esforzos na atención aos nosos maiores e á poboación máis vulnerable, coa posta en marcha de medidas que garantan esa atención que requiren durante todo o ano, pero máis se cabe na situación que vivimos na actualidade”.
Apoio telefónico
A través do Programa “É hora de sumar +”, o Departamento de Benestar Social, a través da psicóloga municipal e diferente persoal, está a ofrecer apoio telefónico a todas aquelas persoas das que se ten constancia de que viven soas e/ou están en situación de vulnerabilidade. A pretensión é que se sintan acompañadas e arroupadas, mantendo ese contacto que permite saber se están ben, se teñen algunha necesitade, ou precisan algún tipo de axuda. A Asociación de Xubilados e Pensionistas do Milladoiro, JUPEMI, está a colaborar de xeito moi activo e desenvolvendo unha gran labor, mantendo o contacto cos seus socios, dándose ánimos e información, e tecendo unha rede de apoio moi importante e necesaria.
Axuda coas compras
Destinado a aquelas persoas maiores ou con dificultade de mobilidade, que viven soas e non teñen rede de apoio familiar, o Departamento de Benestar Social puxo en marcha un un servizo de axuda coas compras de alimentación e medicamentos. A través do mesmo, recóllense as peticións, de alimentación básica e/ou medicación, xestiónase a compra e entrégase no domicilio grazas a colaboración do transporte adaptado. As compras de alimentación repártense dúas veces á semana, martes e xoves, e as de medicación os mércores.
Transporte adaptado e Xantar na Casa
A través do servizo de transporte adaptado, o Departamento de Benestar Social segue a facer traslados a consultas médicas inescusables de persoas con dificultade de mobilidade, e acompañamentos a trámites presencias necesarios e urxentes. Son servizos que se amplían tamén a persoas de idade sin apoio familiar. En canto ao servizo de Xantar na Casa, este segue a funcionar con total normalidade e cóntase con dar novas altas en caso de necesidade.
Axuda no Fogar
Seguindo as recomendacións de actuación ante a crise por COVID-19 o Departamento de Benestar Social, a través do programa de Axuda no Fogar, segue a garantir a continuidade da atención. Salvo aqueles casos de renuncia voluntaria, durante o estado de alarma, nos que se se suspendeu temporalmente o servizo unha vez comprobado que as prestacións se garantían correctamente por parte dos familiares -facendo un seguimento para comprobar que os usuarios e usuarias seguen a ter as súas necesidades correctamente cubertas-, mantéñense todos os demais servizos garantindo especialmente os servizos de atención e coidado persoal, así como a cobertura das necesidades básicas esenciais: aseo, coidado persoal, vestido,alimentación, etc.
O Departamento de Benestar Social procedeu á reconfiguración de contidos e horarios para adaptalos a cada circunstancia concreta e intensificou algúns outros por modificacións das circunstancias do usuario/a. Seguiranse dando novas altas no servizo e facendo os reaxustes necesarios para adaptar os servizos ás necesidades dos usuarios/as. A coordinación coa empresa é boa e, dende o Concello, púxose a disposición das auxiliares de Axuda no Fogar o material de protección do que se dispoñía: luvas, xel e mascarillas. Igualmente, fíxose a solicitude pertinente de material tanto para o Departamento como para as propias auxiliares á Consellaría, para que poidan desenvolver a súa actividade con todas as garantías tanto para elas como para os usuarios/as.
A concelleira de Benestar Social, Luisa Feijoo, destaca que “o Departamento está a funcionar ao completo como servizo esencial que é. Aténdese de xeito telefónico e telemático, preferentemente de 9:00h a 14:00h, garantindo a atención presencial se fose preciso con cita previa; séguese a traballar e tramitar con total normalidade por parte da maioría dos traballadores e traballadoras a través da modalidade de teletraballo e os mínimos imprescindibles de xeito presencial, como é o caso dunha auxiliar e un/unha TS en cada unidade para garantir cubrir as eventuais urxencias que poidan xurdir. Do mesmo xeito facémolo co persoal de voluntariado, reparto de alimentos e transporte adaptado”.
Asemade, o departamento de Benestar conseguiiu tea, fío e goma para, a través do obradoiro de costura de Voluntariado, facer mascarillas para repartir entre o persoal, auxiliares de Axuda no Fogar e aquelas persoas o precisen.