Solapas principales

O desvío do tráfico pesado na avenida de Rosalía de Castro logra reducir nun 11% os niveis altos de ruído e a emisión de 41 toneladas de CO2 á atmosfera

Sábado, 13 de febrero de 2021

Dende o pasado 12 de decembro de 2018 os vehículos pesados teñen prohibido circular pola avenida de Rosalía de Castro que cruza a localidade do Milladoiro. Ademais, neste mes de febreiro cúmprense dous anos da colocación de sinais na AG-56 e no corredor AC-522 que proporcionan información sobre a ruta alternativa de circulación para non atravesar O Milladoiro. Deste xeito, durante estes dous anos, que leva vixente o desvío de tráfico pesado pola avenida de Rosalía de Catro, eliminouse o paso de preto de 200.000 camións, unha media de 280 camións ao día. Isto permitiu reducir o ruído que soporta a veciñanza así como as emisións de CO2 e polo tanto a contaminación no núcleo urbano desta localidade.

Dende o pasado 12 de decembro de 2018 os vehículos pesados teñen prohibido circular pola avenida de Rosalía de Castro. Posteriormente, en febreiro deste ano colocáronse na AG-56 e no corredor AC-522 as sinais que proporcionan información sobre a ruta alternativa de circulación para non atravesar O Milladoiro. Os vehículos pesados teñen que desviarse dende a SC-20 (á altura da gasolineira) cara a autoestrada AG-56 e polo corredor AC-522, ata a glorieta das Galanas, situada na N-550. Os únicos camións que poden circular pola avenida de Rosalía de Castro son os que se dirixan ao parque empresarial do Milladoiro e aos concesionarios situados no lugar de Reborido (zona sur do Milladoiro).

O alcalde de Ames, Jose Miñones, destaca que “trala eliminación do tráfico pesado reduciuse nun 11% a poboación exposta a niveis altos de ruído, quedando así que o 15% da poboación do Milladoiro queda exposta a estes niveis, fronte ao 26% anterior. Aínda así segue sendo necesario eliminar ruído na avenida principal que afecta a ese 15% e por iso se pretende executar o proxecto de humanización da N-550 ao seu paso polo Milladoiro”.

O Concello de Ames vén de manter unha xuntanza co Ministerio de Fomento na que se acordou que durante os vindeiros meses vaise redactar o proxecto de modificación da rotonda que dá acceso ao Milladoiro en base ao anteproxecto xa existente. Ao longo deste ano buscarase financiamento para este proxecto de cara a poder executalo. A idea é levar a cabo unha actuación que permita o acceso directo ao polígono desde a SC-20, así como de saída desde o núcleo urbano cara Santiago. Este proxecto realizarase en coordinación coa empresa INOR (Ingeniería del Noroeste), que está elaborando o proxecto de humanización da avenida de Rosalía de Castro. Ademais, en dita reunión abordouse a posible transferencia da avenida de Rosalía de Castro ao Concello de Ames.

Estudio acústico da estrada N-550 ao seu paso polo Milladoiro
O Concello de Ames realizou un estudo acústico da estrada N-550 ao seu paso polo núcleo urbano do Milladoiro. Dito estudo indica que a poboación exposta aos valores superiores aos Obxectivos de Calidade fixados pola normativa vixente para edificios residencias sería a poboación exposta a valores superiores a 65 dB(A) para os períodos de día, vespertino; e para valores superiores a 55 dB(A) para o período nocturno.

Así durante o día, 776 persoas están expostas a valores de 65 – 70 dB(A) e 857 persoas a valores de 70 – 75 dB(A). Pola tarde, 1.281 persoas están expostas a valores de 65 – 70 dB(A) e 210 persoas a valores de 70 – 75 dB(A). Pola noite, 489 persoas están expostas a valores de 55 – 60 dB(A), 1.238 persoas están expostas a valores de 65 – 70 dB(A) e 12 persoas a valores de 70 – 75 dB(A).

Trala realización de dito estudo, pódese observar que a poboación exposta a ruído nas seccións censais lindeiras coa estrada N-550 aproxímase ao 15%. Ademais, realizouse a análise de poboación exposta tras a completa eliminación do tráfico de vehículos pesados (de peso superior a 3,5 Tm) polo tramo de estrada obxecto de estudo, obténdose reducións de ao redor dun 11% nos períodos día e tarde e dun 6% en noite.

Eliminación de ruído e emisión de CO2
Deste xeito, a eliminación do paso de 100.000 vehículos pesados que cruzaban ao ano O Milladoiro permitiu reducir o ruído que soporta a veciñanza. Pero tamén permitiu reducir as emisións de CO2. Durante estes dous anos, que leva vixente o desvío de tráfico pesado pola avenida de Rosalía de Catro, eliminouse o paso de preto de 200.000 camións, unha media de 280 camións ao día. Un camión emite 158 gramos de CO2 por quilómetro, polo que tendo en conta que a avenida de Rosalía de Castro ten 1,3 quilómetros e que por este tramo da N-550 pasaban 100.000 camións ao ano, as emisións que se reduciron de CO2 foron de de máis de 40.000 quilos nestes dous últimos anos (41 toneladas menos de CO2).

A veciñanza opina sobre a eliminación do tráfico pesado
Algún dos comerciantes da avenida de Rosalía de Castro recoñecen que se notaron mellorías dende que se prohibiu a circulación de vehículos pesados. É o caso de María e Belén, traballadoras da Froitería Anabel, que aseguran que “hai menos tráfico e xa non tremen os cristais, había ruído en exceso. Nada que ver co de antes aínda que hai algún camión que se escapa. Eu creo que tamén é porque son camións de fóra e chegan á rotonda e non saben por onde seguir”.

Tamén Moncha, da Lencería Centro Media, nota menos contaminación acústica: “agradécese traballar así, con menos ruído e, ademais, o tráfico e máis fluído”. Tania, que atende no Café Cisne, afirma que dende o seu establecemento apenas escoita os coches. Non obstante, hai quen consideran que a redución de ruído apenas se aprecia. Rocío traballa na Clínica Dental Dr. Aullón e quéixase de que “isto é unha avenida, hai moito tráfico e segue a haber moito ruído”.

O presidente da Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira Bulebar, José Manuel Fernández, explica que a eliminación do tráfico pesado da avenida de Rosalía de Castro “evidentemente foi moi beneficioso, para a veciñanza en xeral, aínda que sempre hai detractores como en todos os casos. O ruído, a contaminación e a densidade de trafico, cesou de maneira exponencial, dándolle un matiz de gran avenida con bastante tráfico rodado en turismos e vehículos de reparto, pero desta forma non se reduce o trafico de clientes e usuarios do comercio, que por outra banda é moi importante nestes momentos de crise. Ademais, vimos que se está estudando a humanización de Rosalía de Castro, e gustaríanos participar nas reunións que procedan para dar a nosa opinión sobre a idoneidade do proxecto e as súas posibles vertentes”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "El desvío de 200.000 camiones en dos años reduce el ruido y la contaminación en O Milladoiro"

El Correo Gallego: "Baixan os niveis de ruído e CO2 no Milladoiro"

La Voz de Galicia: "O Milladoiro cumple dos años de tranquilidad sin camiones en su travesía"

La Voz de Galicia: "La prohibición desvió 200.000 vehículos, unos 280 cada día"

Avenida de Rosalia de Castro, no Milladorio

Multimedia

  • Imaxe vivendas estudo acústico
  • Estudio acústico da estrada N-550 ao seu paso polo Milladoiro
  • Estudio acústico da estrada N-550 ao seu paso polo Milladoiro
  • Estudio acústico da estrada N-550 ao seu paso polo Milladoiro
  • Modelo dixital do terreo