Solapas principales

O día 15 de febreiro realizarase unha charla informativa sobre o programa “Vacacións en paz” na Casa da Cultura do Milladoiro

Jueves, 09 de febrero de 2023

A Casa da Cultura do Milladoiro acollerá o vindeiro mércores, 15 de febreiro, ás 20:30 horas, unha charla informativa sobre o programa “Vacacións en paz” da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS). Ademais de coñecer o programa, as familias que o desexen poderán inscribirse para acoller a un neno ou nena durante este verán. Así mesmo, tamén se pode chamar ao número de teléfono 678 727 382 ou escribir ao enderezo electrónico sogaps.oficial@gmail.com para recibir máis información sobre a iniciativa. 

A asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, en colaboración co Concello de Ames, organiza un coloquio informativo sobre o programa “Vacacións en paz”. A iniciativa consiste na acollida, durante os meses de xullo e agosto, de nenos e nenas saharauís que viven en campos de refuxiados en Tindouf (Arxelia). Deste xeito, os cativos e cativas poden escapar das altas temperaturas que se acadan durante o período estival no deserto saharauí, así como pasar revisións médicas, aprender galego e castelán e evadirse da súa realidade durante unhas semanas.

A charla informativa, que se desenvolverá na Casa da Cultura do Milladoiro o mércores 15, ás 20:30 horas, versará sobre o programa, que se presenta nun marco de solidariedade e axuda desinteresada co fin de proporcionarlles aos rapaces e rapazas unha estancia agradable e humanamente rica; e animarase aos asistentes a acollelos durante o período estival para ofrecerlles a posibilidade de coñecer outros xeitos de vida e contribuír así á súa formación.

Dende o Concello de Ames, a través do departamento de Benestar Social, aléntase ás familias a solidarizarse co pobo saharauí e vivir unha experiencia única e inesquecible. As persoas interesadas no proxecto e que queiran coñecer o proceso a seguir poden chamar ao número de teléfono 678 727 382 ou escribir un correo ao enderezo electrónico sogaps.oficial@gmail.com.

Cea solidaria de recadación de fondos
Por outra banda, a Concellaría de Benestar Social convida un ano máis a asistir á nova edición da cea solidaria que tamén organiza SOGAPS, co obxectivo de recadar fondos para apoiar o programa Vacacións en paz. Dita cea terá lugar o día 25 de febreiro no Hotel Congreso, en Santiago de Compostela, ás 21:00 horas.

Haberá un menú para adultos, que custará 35 euros, e outro infantil, por 23 euros. Como en anteriores ocasións, vólvese a propoñer unha temática de ambientación. Desta volta, o tema é “misión espacial 2023”. Así, as persoas que o desexen poderán acudir disfrazadas.

Para participar na cea é preciso contactar con Esther Ybarra, voceira de SOGAPS na zona, a través do número de teléfono 609 76 49 45; ou coa propia asociación, no número 986 26 26 37.

Cartaz da xuntanza informativa de "Vacacións en paz"