[22-01-2015] O alcalde de Ames, Santiago Amor, e o seu homólogo en A Baña, José Andrés García, mantiveron onte un encontro co director de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira. Ambos rexedores expuxeron a súa intención de acometer, en conxunto, o proxecto para dotar de saneamento ás parroquias de Tapia e Piñeiro, en Ames, e Troitosende, en A Baña. Mosqueira confirmou que a redacción do proxecto xa está iniciada e a partir de agora haberá que analizar os aspectos técnicos da obra.
Con este plan de recollida, transporte e tratamento das augas residuais beneficiaranse uns cincocentos veciños e veciñas destes dous municipios. O proxecto percorre as parroquias amesás de Tapia (núcleos de Frenza e Vilouta), Piñeiro-San Mamede (lugares de Rúa, Vilaverde, Fernande, Balindo, Covas e San Mamede) e a bañesa de Troitosende (nos núcleos de Menlle de Arriba, Menlle de Abaixo, Vilela, Quintáns, Troitosende, Portochán e Vilacoba).
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "La Xunta inicia la redacción del proyecto de saneamiento de Ames y A Baña"