- Tematica
Este domingo, 12 de febreiro, celebrarase unha masterclass de zumba no pavillón municipal do Milladoiro, a partir das 12:00 horas. Trátase dunha actividade aberta e de balde, pensada para rapaces e rapazas de entre 4 e 16 anos e para as súas familias. Os interesados en participar deben inscribirse previamente, premendo nesta ligazón e seguindo os pasos que se indican. Esta iniciativa, pensada dende o departamento de Deportes do Concello de Ames en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC), enmárcase dentro do plan Corresponsables, que ten como obxectivo desenvolver e financiar actuacións que faciliten unha mellora da conciliación na vida cotiá das familias.
A zumba é unha actividade dirixida na que a música, o ritmo, a danza e o baile son contidos fundamentais. Neste caso, búscase fomentar a conciliación e fornecer os hábitos saudables a través da actividade física que supón o baile, xa dende a infancia. Ademais, quérense eliminar os estereotipos de xénero no mundo da danza. Mediante a masterclass, a rapazada e as súas familias poderán expresarse corporalmente a través de música con diferentes ritmos. Así, tomarán maior coñecemento do seu esquema corporal, e mellorarán a súa coordinación, lateralidade, equilibrio, ritmo, etcétera.
O taller, organizado por VV Xestión de actividades, será dirixida por Ángel Outeiral e Ainhoa Pérez, e desenvolverase entre as 12:00 e as 13:30 horas no pavillón polideportivo do Milladoiro. As persoas interesadas en participar deben anotarse previamente, premendo nesta ligazón ou escaneando o código QR do cartaz anexo, e seguindo os pasos que se indican. O prazo está aberto ata o vindeiro día 10, ás 14:00 horas. Para calquera dúbida pódese chamar ao número de teléfono 648 20 90 27 ou escribir ao enderezo juanma@vvxestiondeactividades.com.
Terán prioridade na inscrición as familias monoparentais e monomarentais; as vítimas de violencia de xénero e doutras formas de violencia contra a muller; as mulleres en situación de desemprego de longa duración; as mulleres maiores de 45 anos ou as unidades familiares nas que existan outras cargas relacionadas cos coidados e a comunidade universitaria da USC.
A iniciativa enmárcase dentro do programa Corresponsables, que ten como obxectivo regular a concesión de subvencións destinadas a desenvolver e financiar actuacións orientadas a facilitar a corresponsabilidade nas familias con fillas e fillos de ata 16 anos no ámbito galego; mellorando a súa vida cotiá e equilibrando o tempo laboral e persoal.