Solapas principales

O equipo “Xente que fala”, do IES do Milladoiro, gaña por segundo ano consecutivo a final do Club de Debate

Lunes, 05 de junio de 2023

O pasado sábado, 3 de xuño, celebrouse na Casa da Cultura de Bertamiráns a final da décimo primeira edición do Club de Debate Alingua. Nesta última sesión competiron seis equipos, formados por rapazada de secundaria e bacharelato de distintos institutos de Dodro, Negreira, Santa Comba, Ferrol e Ames. O alumnado debateu sobre o tema “A mocidade renuncia ao galego?”, defendendo e argumentando posicións a favor e en contra, para tratar de conseguir a máxima valoración do xurado. En representación do concello amesán participaron un equipo do IES do Milladoiro, “Xente que fala”; e outro do IES de Ames, “Ames a palabra”. O primeiro deles, “Xente que fala”, foi o gañador desta edición, logrando facerse co posto por segundo ano consecutivo, con 324 puntos. 

O IES do Milladoiro volveu facerse co primeiro posto no Club de Debate Alingua, que este ano celebraba a súa décimo primeira edición. Trátase do segundo ano consecutivo no que o equipo “Xente que fala”, conformado por alumnado do centro educativo amesán, gaña a final deste certame, celebrada o pasado sábado, 3 de xuño, na Casa da Cultura de Bertamiráns.

“Xente que fala”, do IES do Milladoiro, está formado por Diego Madarnás Iglesias, Mario Campos Alonso, Javier Conde López, Óscar Pin González, Andrea Caramés Guerra e Sara Antón Vázquez. A preparadora encargada de guiar á rapazada durante o seu paso polo Club de Debate foi Valentina Formoso. A docente, coordinadora do equipo de Normalización da Lingua do instituto amesán, foi a encargada de dirixir ao grupo e de colaborar na preparación dos debates.

Ao longo da xornada, na que se celebraron seis debates, cada un dos equipos finalistas, procedentes dos concellos de Dodro, Negreira, Santa Comba, Ferrol e Ames, debeu argumentar a favor e en contra do tema escollido para a final: “A mocidade renuncia ao galego?”. Para formular as puntuacións, o xurado valorou elementos como a calidade e a orixinalidade dos argumentos, a seguridade, a capacidade de oratoria e de improvisación, o traballo en equipo ou a calidade lingüística.

Nesta final formaron parte do xurado Carme Pereiro, técnica de normalización lingüística de Carballo; Alberto Ramos, especialista en comunicación, xornalista e escritor; Rocío Loureiro, licenciada en Filoloxía Galega e colaboradora en anteriores edicións do certame; Marta Estévez, investigadora María Zambrano na USC, tradutora e especialista en mediación lingüística; e María Caamaño, profesora de Ciencias da Educación da USC, especialista en expresión dramática e oralidade.

Ao “Xente que fala” acompañouno no podio como segundo clasificado o equipo “Peripatéticas”, do IES Xulián Magariños, con 317,50 puntos; e o “Ames a palabra”, do IES de Ames, con 249 puntos, quedou na terceira posición. No cuarto posto remataron os “Falabaratos festeiros”, do IES Terra de Xallas (239,50 puntos), no quinto o CPI Eusebio Lorenzo Baleirón (225,50 puntos); e no sexto, o IES de Canido (218 puntos).

Club de debate
O Club de Debate Alingua é un proxecto de dinamización lingüística dirixido á mocidade no que participan varios concellos galegos en colaboración cos centros de ensino secundario. Con esta iniciativa preténdese favorecer o uso do galego oral en contextos formais, como son os propios debates, e informais, tendo en conta a convivencia que se xera nas diferentes fases e espazos da actividade. Os contidos que se traballan teñen que ver, principalmente, coas habilidades comunicativas e a oratoria, mais tamén é necesario un proceso de documentación sobre os temas de debate.

Os concellos que organizaron esta edición son nove: Ames, Teo, Carballo, Santa Comba, Val do Dubra, Santiago de Compostela, Ferrol, Pontevedra, Dodro e Rois. En total, participaron 140 alumnos. Antes de disputar a final, todos os participantes pasaron por unha fase clasificatoria na que debateron sobre o tema “Somos menos sociais coas redes sociais”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Alumnado do IES do Milladoiro gaña por segunda vez consecutiva a final do Club de Debate"

AMS GO!: "O equipo 'Xente que fala', do IES do Milladoiro, volve gañar a final do Club de Debate"

Imaxe grupal dos participantes da final do Club de Debate 2023

Multimedia

  • Imaxe grupal dos participantes da final do Club de Debate 2023
  • Imaxe do equipo gañador da final, "Xente que fala"
  • O equipo “Xente que fala”, do IES do Milladoiro, gaña por segundo ano consecutivo a final do Club de Debate
  • O equipo “Xente que fala”, do IES do Milladoiro, gaña por segundo ano consecutivo a final do Club de Debate
  • O equipo “Xente que fala”, do IES do Milladoiro, gaña por segundo ano consecutivo a final do Club de Debate