Segue aberto o proceso de selección de participantes para a novena edición do programa integrado de emprego dos Concello de Ames e Brión 2024 -2025. Ata o día 20 de decembro as persoas que cumpran os requisitos solicitados e estean interesadas poden cubrir o formulario de inscrición cos seus datos premendo neste enlace. Esta edición o programa está aberto a 100 persoas desempregadas que se formarán nos sectores do comercio, almacén, limpeza, administración e xestión, ocio e tempo libre e turismo. Hoxe xoves, 12 de decembro, ás 12.00 horas, impártese unha charla informativa no espaza colaborativo A Proa, situado na rúa das Hedras, no parque empresarial do Milladoiro.
O novo programa integrado de emprego dos Concellos de Ames e Brión desenvolverase entre os meses de decembro de 2024 e setembro de 2025. O programa está subvencionado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración con 220.000 euros e confinanciado polos Concellos de Ames e Brión. O obxectivo do programa é que, como mínimo, o 40% das persoas participantes atopen un traballo, porcentaxe superada nas últimas edicións executadas dos programas integrados.
Para participar no programa as persoas interesadas deben estar inscritas como demandantes de emprego e encadrarse nalgún dos colectivos seguintes:
-Persoas menores de 30 anos desempregadas dos concellos de Ames e Brión.
-Persoas maiores de 45 anos desempregadas dos concellos de Ames e Brión.
-Persoas desempregadas perceptoras de prestacións, subsidios por desemprego ou renda activa de inserción (RAI)
-Mulleres desempregadas dos concellos de Ames e Brión.
Os programas integrados de emprego de Galicia están dirixidos á mellora de ocupabilidade e á inserción laboral das persoas traballadoras en situación desemprego, desenvolvendo de xeito obrigatorio as seguintes accións: información, orientación e asesoramento, formación, técnicas de coaching, intelixencia emocional e técnicas de motivación para a busca de emprego, tanto por conta propia como allea, habilidades sociolaborais e obradoiros de entrevista, fomento da capacidade emprendedora, prospección empresarial, emparellamento de ofertas de traballo coas persoas demandantes, prácticas profesionais non laborais en empresas, en consonancia preferentemente co contido teórico-práctico das accións formativas e obradoiros sobre mobilidade laboral.
Actividades
As persoas participantes formaranse nos ámbitos do comercio, almacén, limpeza, ocio e tempo libre, turismo e administración e xestión, podendo elixir a formación que mellor se adapte ao seu perfil ou ás súas preferencias. Tamén poderán recibir formación de carácter transversal: obradoiros de entrevistas, busca activa de emprego, novas tecnoloxías, idiomas (Inglés), hixiene e manipulación de alimentos, primeiros auxilios, habilidades sociais e de comunicación, motivación, marca persoal, etc.
Terán titorías individualizadas nas que se lles facilitará información e orientación para a busca de emprego ou o autoemprego, así como outros recursos que poidan necesitar para mellorar a súa empregabilidade (asesoramento para axudas e subvencións, homologacións, formación regrada, mobilidade laboral, etc.).
Ademais poderán realizar prácticas en empresas da contorna relacionadas co sector ou sectores de actividade nos que prefiran formarse.
Bolsas e axudas á conciliación
As persoas que formen parte do novo Programa Integrado de Emprego Ames-Brión terán dereito a unha bolsa de 10 euros/día pola asistencia ás diversas accións do programa. Tamén se poñerá a disposición das persoas participantes axudas para a conciliación da vida laboral e familiar. Estas axudas estarán destinadas a cubrir os gastos de gardería e/ou atención ás persoas dependentes.
O programa desenvolverá as actividades no Centro de Formación e Emprego do Concello de Ames (rúa Costaneira, número 2, urbanización de Aldea Nova).
Para máis información:
As persoas que cumpran os requisitos indicados e estean interesadas poden cubrir o formulario de inscrición cos seus datos premendo neste enlace. Para ampliar información sobre o Programa poden contactar no enderezo: inseramesbrion@gmail.com ou nos teléfonos 608 459 678 (María) e 663 711 876 (Pablo).