Solapas principales

O espazo A Proa acolle o martes 28 a xornada “O Digital Journey Map”, do coworking da Cámara de Comercio de Santiago

Sábado, 25 de marzo de 2023

O espazo colaborativo A Proa, no Milladoiro, acollerá o vindeiro martes, 28 de marzo, a xornada “O Digital Journey Map”, unha iniciativa organizada dende o coworking da Cámara de Comercio de Santiago. A sesión estará orientada a coñecer as claves e beneficios da transformación dixital para mellorar a competitividade da empresa a través da incorporación de distintas tecnoloxías existentes no mercado. Este é o primeiro proxecto no que colaboran o Concello de Ames e a Cámara de Comercio tras a xuntanza que mantiveron o pasado 23 de febreiro a presidenta de dita entidade, María País Fajín, o alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz. Preme nesta ligazón para inscribirte.

O seminario desenvolverase de 10:00 a 12:00 horas nas instalacións da Proa. Coa súa posta en marcha búscase transmitir ás PEMES e ás persoas emprendedoras da zona as posibilidades e beneficios que poden achegarlle as novas tecnoloxías á hora de colocarse fronte aos seus competidores. Deste xeito, traballarase coa ferramenta “Digital Journey Map” para deseñar e incorporar a dixitalización nas distintas fases de actividade da empresa.

Tras unha pequena presentación, Pablo López, o relator da xornada, desenvolverá o tema “Que necesito para dixitalizar e impulsar o meu negocio?”. Finalmente haberá unha quenda de consultas e de resolución de dúbidas. López é licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade da Coruña, e conta con diversos mestrados en dirección de empresas e asesoramento fiscal. Durante máis de dez anos xestionou un grupo de empresas de consultoría, e actualmente exerce como coach de directivos e mandos intermedios.

Premendo nesta ligazón podes inscribirte no obradoiro.

Esta é a primeira iniciativa da Cámara de Comercio que conta coa colaboración do Concello de Ames trala xuntanza que mantiveron o pasado 23 de febreiro a presidenta da Cámara, María País Fajín; a técnica de dita entidade, Rosa Mary Cardeso Trillo; o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e o técnico de Promoción Económica, Jorge Couñago.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, explica que “o martes 28 de marzo terá lugar un novo taller na Proa, desta vez da man Cámara de Comercio de Santiago. Nesta ocasión contarase con Pablo López como relator da xornada, que será o encargado de orientar aos participantes sobre as maneiras de dixitalizar os seus negocios”.

Cartaz da actividade no espazo A Proa o 28 de marzo

Multimedia

  • O espazo A Proa acolle o martes 28 a xornada “O Digital Journey Map”, do coworking da Cámara de Comercio de Santiago