- Tematica
O espazo colaborativo “A Proa” continúa en abril a súa oferta de obradoiros e charlas presenciais, despois de propoñer en marzo tres actividades baixo o nome “Coworking days”. Nesta ocasión, arrincan unha serie de eventos enfocados nos primeiros pasos para unha persoa emprendedora en materia legal e dixital. A primeira destas propostas terá lugar este xoves 7 de abril ás 18:00 horas, cun taller sobre os desafíos legais do emprendemento impartido polas avogadas Marian López e Jessica Lavandeira. A inscrición para esta actividade pode realizarse de balde premendo nesta ligazón.
Tras celebrar no mes de marzo a súa primeira serie de actividades presenciais, o espazo colaborativo “A Proa”, continúa ofertando en abril novos talleres e charlas dirixidas a persoas emprendedoras. Deste xeito o coworking, situado na rúa das Hedras, na entrada do parque empresarial Novo Milladoiro, centrarase neste mes aos desafíos en materia legal e dixital dunha iniciativa emprendedora.
Esta nova serie de actividades, que comeza este xoves 7 de abril, chega despois de que o mes de marzo se dedicara aos primeiros pasos dun proxecto ou dunha empresa, falando de métodos de traballo, definición de propostas, ou mesmo das vantaxes dun espazo colaborativo para iniciarse no emprendemento.
A primeira proposta de abril será “Desafíos legais no emprendemento”, unha charla impartida polas avogadas Marian López e Jessica Lavandeira, e que está organizado coa colaboración da comunidade en liña iurisfacil.com.
No evento, trataranse temas como a alta para o inicio da actividade e os imposto de actividade económica, as facturas, a protección de datos, os contratos e cláusulas, as pólizas de seguros ou o rexistro de marcas, entre outros. “Queremos que as persoas teñan o maior apoio e información de cara a empezar un novo proxecto empresarial”, sinalou a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, que anima a todas as persoas emprendedoras a sumarse ás actividades da Proa.
A actividade é de balde e conta con prazas limitadas, para as que as inscricións xa están abertas, premendo nesta ligazón. Ao igual que en eventos anteriores, os talleres serán retransmitidos en directo e resubidos posteriormente ao perfil de Instagram do espazo “A Proa”. Para máis información, pódese visitar a páxina web espazoaproa.gal.
“A Proa”, un espazo colaborativo no Milladoiro
“A Proa” é un espazo de traballo colaborativo que ten como finalidade ampliar os servizos de apoio a iniciativas emprendedoras, proxectos empresariais ou iniciativas de autoemprego. En instalacións coma esta, persoas autónomas e emprendedoras comparten espazos, fomentando así as sinerxías, a economía social e colaborativa e o espírito de comunidade.
“A Proa” localízase na entrada do parque empresarial Novo Milladoiro. O local, de 400 metros cadrados, conta con 36 postos de traballo, tres salas de xuntas, aulas de formación e eventos, unha zona de recepción, outra de reprografía, de descanso, aseos e un vestíbulo. O espazo pertence á Rede Provincial de Espazos de Traballo da Deputación da Coruña.
Novas relacionadas