Solapas principales

O espazo “A Proa” programa tres eventos para este mes de marzo

Jueves, 03 de marzo de 2022

O espazo colaborativo “A Proa” organiza nos xoves deste mes de marzo a súa primeira serie de obradoiros e charlas presenciais baixo o nome “Coworking days”. A actividade inicial terá lugar hoxe 3 de marzo, cun taller para coñecer o funcionamento dun coworking e resolver dúbidas. Os seguintes eventos celebraranse o 10 e o 24 de marzo, con propostas relacionadas coas fases iniciais de emprendemento e establecemento de empresas. As inscricións para as tres actividades poden realizarse de balde premendo nesta ligazón.

Hoxe arranca a oferta de actividades do espazo colaborativo “A Proa”, situado na rúa das Hedras, na entrada do parque empresarial Novo Milladoiro. Nos xoves deste mes de marzo, as persoas asistentes poderán obter máis información sobre a forma de traballo nun coworking, así como recibir consellos e ferramentas para iniciar e consolidar as súas propostas de emprendemento, proxectos ou empresas. Para as persoas que non poidan asistir, as tres propostas serán retransmitidas en directo e resubidas posteriormente ao perfil de Instagram do espazo “A Proa”.

Primeiro taller presencial de “A Proa” esta tarde

O primeiro obradoiro, “Descubre o mundo de vantaxes do coworking”, será impartido esta tarde con Gustavo Marcos Cancelas, que foi director executivo da incubadora de empresas Uninova e que conta con experiencia en marketing e I+D en empresas como Caixanova ou Cortizo. Cancelas resolverá dúbidas sobre o funcionamento dun coworking e o que pode aportar á hora de emprender ou dar os primeiros pasos dun proxecto empresarial.

O taller conta con 20 prazas e desenvolverase de 18:00 a 19:00 horas, na sala de eventos do espazo colaborativo. As persoas interesadas poden inscribirse de balde premendo nesta ligazón.

Dous obradoiros máis os xoves 10 e 24 de marzo

Por outra banda, a segunda actividade do espazo “A Proa” neste mes de marzo desenvolverase na próxima semana, baixo o título “Axudándoche a definir a proposta de valor do teu proxecto ou idea”. Acompañadas de Juan Diego Pereiro Areán, organizador e director de Trainers For The Future, fundador de WeKAb.com e do espazo de coworking WeKCo, as persoas asistentes poderán aprender o valor dos produto ofertado polo seu proxecto ou empresa. Será o xoves 10, de 17:00 a 19:00 horas.

Para pechar marzo, o xoves 24, de 18:00 a 20:00 horas, celebrarase “Lego Serious Play – Construíndo o teu modelo de negocio”. Impartido polo docente e organizador de eventos sobre emprendemento Dani Diéguez, o obradoiro buscará dar a coñecer a técnica de reflexión, comunicación e resolución de problemas “Lego Serious Play”. A través de pezas de construción de xoguete, as persoas interesadas poderán aprender a describir e comprender unha situación apelando á implicación e a participación.

As tres actividades son de balde e contan con prazas limitadas, para as que as inscricións xa están abertas, premendo nesta ligazón. Para máis información, pódese visitar a páxina web espazoaproa.gal.

“A Proa”, un espazo colaborativo no Milladoiro

“A Proa” é un espazo de traballo colaborativo que ten como finalidade ampliar os servizos de apoio a iniciativas emprendedoras, proxectos empresariais ou iniciativas de autoemprego. En instalacións coma esta, persoas autónomas e emprendedoras comparten espazos, fomentando así as sinerxías, a economía social e colaborativa e o espírito de comunidade.

“A Proa” localízase na entrada do parque empresarial Novo Milladoiro. O local, de 400 metros cadrados, conta con 36 postos de traballo, tres salas de xuntas, aulas de formación e eventos, unha zona de recepción, outra de reprografía, de descanso, aseos e un vestíbulo. O espazo pertence á Rede Provincial de Espazos de Traballo da Deputación da Coruña.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Charlas gratuitas en A Proa para emprender tutorizados"

O espazo “A Proa” programa tres eventos para este mes de marzo

Multimedia

  • O espazo “A Proa” programa tres eventos para este mes de marzo
  • O espazo “A Proa” programa tres eventos para este mes de marzo
  • O espazo “A Proa” programa tres eventos para este mes de marzo
  • O espazo “A Proa” programa tres eventos para este mes de marzo