Solapas principales

O espectáculo de danza “Leira” chega a Bertamiráns o vindeiro 6 de agosto

Jueves, 05 de agosto de 2021

“Leira”, o novo traballo de Nova Galega de Danza, representarase no Auditorio da Casa de Cultura de Bertamiráns o venres 6 de agosto, ás 22.30 horas, por mor da chuvia. A actuación mestura a danza coa música en directo de Rosa Cedrón para transportar á veciñanza á dura beleza dos labores do campo. Debido ao cambio de localización, anularanse os convites reservados para asistir no Parque do Ameneiral, lugar onde se ía representar o espectáculo nun primeiro momento.  As persoas que queiran acudir a “Leira", deberán volver a adquirir os convites, de balde, na billeteira electrónica.

A representación mostra, a través da música e do baile, como o corpo e a terra estreitan os seus lazos para transportar ao público á dura beleza dos labores do campo. A muller, no centro desta conexión telúrica, día e noite, xornada tras xornada repetida nunha sucesión inesgotable de estacións. O sol e a choiva, o vento xeado, crúas paisaxes de intemperie habitadas unicamente por unha coreografía humana de apeiros de labranza.

Jaime Pablo Díaz é o director de Nova Galega de Danza e do espectáculo de danza Leira, que acadou o Premio do público na MIT de Ribadavia 2020. Na representación tamén son partícipes Sergio Moure, compositor, e Rosa Cedrón, quen pon a voz en directo do espectáculo.

Os convites que previamente recolleron para o Parque do Ameneiral, onde ía ter lugar o espectáculo, non serán válidos, e as persoas que desexen asistir ao auditorio da Casa da Cultura deberá sacar un novo convite no seguinte enlace.

Pregamos que dadas as limitacións de aforo, se algunha persoa colle o convite e logo non pode asistir, que o comuniquen vía mail a cultura@concellodeames.gal ou nos teléfonos 639663147 / 662377444.

Novas relacionadas:

Revista AmesGO: "‘Leira’ chega a Bertamiráns este venres"

 Leira Danza

Multimedia

  •  Leira Danza
  •  Leira Danza
  •  Leira Danza
  •  Leira Danza