Solapas principales

O Festival de Cine Infantil de Ames reivindica o cinema como ferramenta educativa

Martes, 10 de diciembre de 2019

Esta semana comeza no Concello de Ames a terceira edición do Festival Internacional de Cine Infantil de Ames, o único certame de cine dirixido a público infantil e familiar celebrado en Galicia. Entre o 11 e o 15 de decembro, alternando os auditorios de Bertamiráns e do Milladoiro proxectaranse máis de 50 curtametraxes, moitas delas galegas e españolas, máis tamén pezas chegadas dende outros países europeos, China ou Brasil. Un completo programa con filmes divididos por idades, maiores de 2 e maiores de 7 anos, que quere espertar na rapazada unha conciencia crítica e valores de solidariedade e multiculturalidade frente as artes e o mundo.

A programación arranca este mércores, 11 de decembro cunha dobre sesión dirixida a público escolar. A partir das 12h nenos e nenas de Infantil 5 anos poderán gozar de seis curtametraxes producidas en España, que resaltan valores de inclusividade, e respecto. Nun segundo pase proxectaranse sete curtas ante rapaces e rapazas de terceiro de primaria coas que traballar a multiculturalidade e a empatía en situacións desfavorables.

Mesa redonda ‘A importancia do audiovisul e as TIC como ferramentas educativas’
Xa pola tarde, a partir das 19h na Casa da Cultura do Milladoiro, terá lugar a mesa redonda ‘A importancia do audiovisual e as TIC como ferramentas educativas’, un coloquio no que se abordará o grao de adaptación e aproveitamento que se está a facer das ferramentas audiovisuais e tecnolóxicas no eido educativo.  Durante a actividade plantexaranse cuestións como a preparación do profesorado no uso destas ferramentas ou a importancia que se lle dá dende as institucións, expoñendo casos de boas prácticas.  Para abordar o tema contaráse con catro profesionais  dos diferentes ámbitos protagonistas: a docencia, os festivais de cine e as institucións, así como das materias transversais, como o respecto e a perspectiva de xénero. Na mesa contarase coa presencia de:

  • Manuel Pena, director e produtor de curtametraxes nado en Bueu no ano 1989. Dende o 2008 dirixe o Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBUEU), situando o evento como unha das principais citas cinematográficas españolas centradas na difusión de curtametraxes.
  • Mariana Carballal, actriz, directora e docente. Actualmente percorre as escolas co espectáculo ‘Proxecto Orballo’, no que analiza desde a perspectiva de xénero as series de televisión máis populares entre os adolescentes.
  • Manolo González, que conta cunha dilata carreira como profesor, incluíndo a dirección da videoteca de Galicia e da Escola de Imaxe e son de A Coruña. Tamén foi guionista e produtor, investigador sobre a historia do cinema e pioneiro na experimentación audiovisual dentro das aulas galegas.
  • Natividad Bouzas Carneiro, xefa e servizo de inclusión e orientación educativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

 

Festival de Cine Infantil de Ames

Multimedia

  • Convite mesa redonda