Solapas principales

Elvira Tresguerras, o Fútbol Club Meigas e o presidente da Confraría da Madalena serán os pregoeiros de Ames en Festas 2024

Martes, 30 de julio de 2024

A programación de Ames en Festas 2024 está a piques de comezar. Serán 10 días de festas seguidos, primeiro no Milladoiro, do venres 2 ao martes 6, e despois en Bertamiráns, do mércores 7 ao domingo 11 de agosto. As mellores orquestras de Galicia pasarán por Ames Este ano como novidade haberá dous pregóns, un de inicio nas festas, no Milladoiro, o sábado 3 de agosto a cargo de Alberto Gómez, presidente da Confraría da Madalena do Milladoiro; e outro de peche das festas, en Bertamiráns, o domingo 11 de agosto durante a sesión vermú, que ofrecerá Elvira Tresguerras e o Fútbol Club Meigas. Esta mañá mantívose unha xuntanza para organizar o operativo de seguridade que se manterá activo durante os 10 días de festas.

O vindeiro venres, 2 de agosto, comeza a programación de Ames en Festas 2024. Serán de 10 días de festexos, dende o venres 2 ata o domingo 11 de agosto, nas localidades do Milladoiro e Bertamiráns. Na organización de dita programación colaboran o Concello de Ames, as comisións de festas da Madalena e da Peregrina, e a Xuntanza de Empresarios de Ames.

As mellores orquestras de Galicia pasarán por Ames: Panorama, Gran Parada, Metrópolis, Combo Dominicano, París de Noia, Os Satélites e Los Coleguitas. Tamén haberá concertos a cargo de Guadi Galego, do grupo La Banda de Ayer e Tania Veiras. Este ano como novidade haberá dous pregóns, un de inicio das festas, no Milladoiro, o sábado 3 de agosto, e outro de peche, en Bertamiráns, o domingo 11 de agosto durante a sesión vermú.

Pregóns das festas
Deste xeito, o pregón de inicio das festas, no Milladoiro, será a cargo de Alberto Gómez, presidente da Confraría da Madalena do Milladoiro, mentres que o de peche das festas, en Bertamiráns, ofrecerao o Fútbol Club Meigas e maila corredora amesá Elvira Tresguerras, en representación do deporte feminino do concello.

Elvira Tresguerras realizará o segundo pregón das festas de Ames xunto ao FC Meigas, en representación do deporte feminino do Concello de Ames. A corredora amesá acadou o récord galego na súa categoría ao realizar a distancia de 10 km en 1.12 horas na carreira pedestre de Ames no ano 2022 despois de 30 anos competindo.

Operativo de seguridade para as festas
Esta mañá mantívose unha xuntanza para organizar as festas e mailo operativo de seguridade que se manterá activo durante os 10 días de festas. En dita reunión de traballo participaron o alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García; o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto; a técnica do departamento municipal de Cultura, María Vázquez; o responsable da brigada municipal de obras, Juan Calvo; representantes das comisións de festas do Milladoiro e de Bertamiráns; persoal de Xuntanza de Empresarios de Ames e da empresa Cunde; o oficial da Policía Local de Ames e persoal da Agrupación de Protección Civil.

En dita xuntanza pecháronse os últimos detalles sobre a organización das festas e tamén se presentou o operativo de seguridade que estará coordinado pola Policía Local e no que colaborará o persoal da Agrupación de Protección Civil.

Festa infantil para a rapazada
Ademais, esta mañá pechouse a organización de dúas festas infantís dirixidas aos nenos e nenas e ás súas familias, que se enmarcan dentro da programación das festas do Milladoiro e de Bertamiráns.

O martes, 6 de agosto, no parque verde central do Milladoiro (que se atopa ao carón do pavillón polideportivo e da piscina descuberta) vaise celebrar unha festa infantil con diferentes actividades pensadas para os rapaces e rapazas. Esta mesma festa repetirase en Bertamiráns, o sábado 10 de agosto, no parque do Ameneiral.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Fiestas con triple pregón en Ames: Alberto Gómez, Fútbol Club Meigas y Elvira Tresguerras"

La Voz de Galicia: "El club Meigas, Alberto Gómez y Elvira Tresguerras pregonarán las fiestas de Ames"

Imaxe da xuntanza mantida esta mañá

Multimedia

  • Cartaz de Ames en Festas 2024
  • Imaxe da xuntanza mantida esta mañá
  • Imaxe da xuntanza mantida esta mañá
  • Imaxe da xuntanza mantida esta mañá