- Tematica
As xogadoras do primeiro equipo do Fútbol Club Meigas están disputando o play-off de ascendo á segunda división do fútbol sala feminino nacional. O pasado sábado xogaron en terras asturianas o partido de ida contra o Planta14 FSF. O equipo amesán impúxose por 0-4 o que lle permite afrontar con vantaxe o partido de volta que se disputa o sábado, 17 de xuño, ás 19.00 horas, no pavillón polideportivo de Bertamiráns. Dende o Concello e dende o propio club animan á veciñanza amesá a que acudan a este importante partido, para tratar de encher as gradas do pavillón e conseguir o ascenso, algo que sería histórico para o FC Meigas.
O primeiro equipo do FC Meigas está a un paso de ascender á segunda división do fútbol sala feminino nacional. Este sábado, 17 de xuño, xogarán o partido de volta do play-off de ascenso á segunda división. Será ás 19.00 horas no pavillón polideportivo de Bertamiráns. Dende o Concello de Ames e dende o FC Meigas faise un chamamento á veciñanza amesá para que acudan a animar as xogadoras do Meigas para lograr o ascenso, algo que sería histórico para o club amesán.
No partido de ida disputado en Langreo o pasado sábado 10 de xuño, as xogadoras do FC Meigas conseguiron un gran resultado ao imporse por 0-4 ao equipo asturiano do Planta FSF. Os goles do equipo amesán marcáronos Belén Fernández (2 goles), Tere Pereiro e Pauliña Pereiro. Cómpre destacar o apoio que tiveron as xogadoras do FC Meigas, xa que arredor de 40 afeccionados desprazáronse ata Langreo para apoiar ao equipo amesán.
A presidenta do FC Meigas, Paola Vignolo, indica que “chegar a este play-off e ser campioas da liga preferente galega esta tempada é para o club unha confirmación de que imos polo camiño correcto, apostando seriamente por traballar como un club que ten cabida no deporte de alto rendemento. Estamos preparad@s para o posible ascenso á segunda división, que podemos acadar esta fin de semana no partido de volta contra o Planta 14, e somos conscientes do que representa esta oportunidade para o concello de Ames”.
Ademais, destacou que “vivimos esta experiencia coa ilusión de cumprir un soño. Temos desfrutado moito do camiño ata aquí, e esta etapa está a ser impresionante, pola intensidade, a repercusión e sobre todo pola manifestación de apoio, respecto e cariño de afección, entidades e patrocinadores. Un paso máis, que nos impulsa a tod@s a seguir traballando coa mesma seriedade e paixón que nos trouxo ata aquí”.
A concelleira de Deportes en funcións, Susana Señorís, destaca “o gran resultado obtido en Langreo polas xogadoras do primeiro equipo do FC Meigas o que lle vai permitir disputar o partido de volta con certa vantaxe. Agardamos que a veciñanza de Ames acuda este sábado ao pavillón de Bertamiráns para encher as gradas e animar ao Meigas co obxectivo de dar o último paso e que poidan lograr o ascenso a segunda división do fútbol sala feminino nacional. É un orgullo para Ames contar cun club como é o Meigas que conta cun altísimo nivel de fútbol sala feminino”.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "El Meigas se juega el ascenso este sábado en Bertamiráns"