Solapas principales

O Goberno de Ames aposta por non celebrar este ano o festival de música Millarock ante a incerteza xerada pola situación sanitaria actual

Sábado, 29 de agosto de 2020

O Millarock 2020 deberá esperar a unha situación sanitaria máis aconsellable. A decisión de non celebrar este evento que estaba programado para o vindeiro 19 de setembro vén motivada pola incerteza xerada nestes momentos ante a evolución da Covid-19. Deste xeito, considérase que non é a data máis idónea, ante a imposibilidade de dar cumprimento ás normas que se van sucedendo tanto a nivel autonómico como estatal. A suspensión do X Festival Millarock foi aprobada en Xunta de Goberno Local.

A décima edición do Millarock, o festival de música máis importante do concello de Ames, estaba prevista inicialmente para o 31 de xullo, coincidindo como vén sendo habitual co primeiro fin de semana de agosto e co inicio das festas da Madalena do Milladoiro. A situación daquel momento, recentemente saídos do estado de confinamento, levou a reprogramar esta data para o 19 de setembro, coa esperanza de atoparnos nunha mellor situación sanitaria. Na actualidade, por desgracia, isto non sucede e desde o Goberno municipal tómase a decisión de suspender dito festival por responsabilidade.

A pesar de que aínda quedan uns 20 días para a data do evento, desde a Concellaría de Cultura destacan a necesidade de suspender o Millarock con tempo suficiente, polas características do evento. Así, este xoves, 17 de agosto, aprobouse en Xunta de Goberno Local non adxudicar o contrato do expediente de licitación, mediante procedemento aberto simplificado e tramitación ordinaria, do servizo de produción, organización e comunicación do X Festival Millarock.

Ademais, o Concello toma esta decisión con suficiente antelación porque quere ter en conta aos distintos grupos de música que participan no festival é ás empresas organizadoras, para que poidan contar con tempo suficiente para a súa reprogramación, ocasionando os menos danos posibles a todos os axentes implicados.

Para o Concello de Ames a cultura é segura, e así se está demostrando este verán cunha aposta sen precedentes por actividades culturais e musicais que se están desenvolvendo na rúa, sendo Ames un dos primeiros Concellos en anunciar a continuación da programación cultural tralo confinamento.

Plan de reactivación económica Reactiva Ames
A través do Plan de reactivación económica Reactiva Ames, o Concello puxo en marcha o programa AmesON, onde a cultura foi un dos eixos principias deste plan, dinamizando as prazas e as rúas, con concertos e espectáculos diversos para incentivar sectores como o comercio e a hostalería. A cultura estivo activa todo este verán e así se pretende seguir no vindeiro trimestre.

O formato do festival de música Millarock cunha previsión alta de asistencia de público non é o formato máis aconsellable ante a situación sanitaria actual e a incerteza que día a día vai medrando. A pesar de que en Ames a situación actual segue a ser boa, os novos gromos que van aparecendo e o incremento exponencial de casos que se están a dar en Galicia, e na provincia da Coruña, levan ao Concello a ser precavido e tomar esta difícil decisión por responsabilidade.

Á situación actual súmase a dificultade da aplicación das medidas previstas como o limite de aforo, a distancia social, o uso de máscara ou os limites de horario. Para o Goberno municipal non sería moi lóxico a realización dun evento destas características cando se está a prohibir o ocio nocturno.

A concelleira de Cultura, Natividade González, explica "entendemos que a situación sanitaria actual esixe a máxima responsabilidade, cautela e prudencia. Pedimos desculpas polos danos ocasionados e agradecemos o esforzo daquelas persoas que durante estes meses traballaron para que este festival se puidese levar a cabo. Desexamos que por fin o vindeiro ano esteamos libres da Covid-19 e podamos celebrar esta décima edición como os nosos veciños e veciñas merecen".

Imaxe de arquivo do festival Millarock de 2018