Solapas principales

O goberno municipal coordina coas forzas de seguridade o dispositivo de seguridade para a xestión da crise sanitaria polo coronavirus

Viernes, 20 de marzo de 2020

Este mércores, 18 de marzo, celebrouse unha xuntanza na Casa do Concello, en Bertamiráns, para abordar a situación actual no concello de Ames tras as medidas tomadas polo Goberno do Estado para atallar a crise sanitaria do COVID-19 e coordinar as actuacións á desenvolver que garantan o cumprimento das mesmas.

Ante a situación de emerxencia nacional e unha vez decretado o Estado de Alarma en España pola crise sanitaria polo coronavirus, celebrouse este mércores, baixo a presidencia do alcalde de Ames, Jose Miñones, e coa asistencia do concelleiro de Seguridade Cidadá, Víctor Fernández, do Comandante do posto da Garda Civil do Milladoiro e o Inspector Xefe da Policía Local, unha reunión de coordinación co obxectivo de garantir o cumprimento das medidas tomadas polo Goberno do Estado para atallar a crise sanitaria polo coronavirus.
 
Tanto a Garda Civil como a Policía Local teñen activados os seus respectivos dispositivos para a xestión desta crise que mobilizará a todos os seus efectivos co fin de garantir que se cumpran as medidas establecidas no Real Decreto 463/2020 que desenvolve o Estado de Alarma para loitar contra o COVID-19 (coronavirus).
 
Por outra banda, ambos corpos de seguridade coordinarán todas as súas actuacións para facer fronte á pandemia e manterán un contacto diario. Tamén intercambiarán información todos os días para optimizar recursos e atender ás situacións que vaian xurdindo. Ademais, falouse sobre as medidas adoptadas polo propio Concello de Ames na xestión da crise derivada do Covid-19.
 
Na reunión destacouse tanto por parte da Garda Civil como da Policía Local que a cidadanía de Ames está a manter en xeral unha actitude responsable e acorde á situación, salvo en casos e circunstancias moi puntuais.
 
Nesta reunión insistiuse na imprescindible colaboración cidadá para gardar o confinamento, así como no cumprimento das normas sobre a restrición á mobilidade, aspecto fundamental sen o cal será máis difícil e custosa a solución desta grave situación á que todos nos enfrontamos.
 
O goberno municipal coordina coas forzas de seguridade o dispositivo de seguridade para a xestión da crise sanitaria polo coronavirus