Solapas principales

O goberno municipal de Ames reúnese co director xeral de Defensa do Monte para abordar a cuestión da prevención de lumes forestais no municipio amesán

Sábado, 14 de diciembre de 2019

Esta semana o alcalde de Ames, José Miñones, e mailo concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Rural, Manuel Lens, reuníronse co director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, para abordar a cuestión da prevención de lumes forestais no municipio amesán. En concreto, na reunión abordouse a posible inclusión dalgunha parroquia amesá nas zonas de alto risco de incendio forestal; a posible concesión de axudas autonómicas para a limpeza de camiños de monte; e maila limpeza subrogada da superficie de monte, incluída na rede secundaria de faixas de xestión de biomasa, que comezará a executar SEAGA a partir do 1 de xaneiro de 2020.

Os membros do goberno municipal de Ames estiveron acompañados de dúas técnicas da Concellaría de Transición Ecolóxica e Medio Rural, Patricia Reboreda e María Victoria Arufe. Asemade, por parte da Dirección Xeral de Defensa do Monte tamén participaron na xuntanza técnicos da Xunta de Galicia.

En dito encontro falouse dos traballos que está a desenvolver o Concello de Ames, a través do plan municipal de prevención de incendios forestais, que ten a finalidade de poñer en mans da veciñanza, unha vez cumprida a lei, unha ferramenta que lles permita repoboar a súas fincas colaborando ao tempo coa prevención de incendios e evitando a diminución drástica da superficie arborada do municipio e a conseguinte perdida de diversidade.

Ademais, dende o Concello estase informando á veciñanza sobre a limpeza que hai que facer das parcelas encadradas na rede secundaria de faixas de xestión de biomasa no plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais. Nestas parcelas foméntase a plantación, de xeito sustentable, de frondosas caducifolias de froito.

Limpeza subrogada de montes
Un dos temas tratados é a limpeza subrogada da superficie de monte incluída na rede secundaria de faixas de xestión de biomasa. A partir do 1 de xaneiro de 2020 SEAGA ocuparase de facer a limpeza subrogada daquelas parcelas onde os/as propietarios/as, a pesar de ser requiridos por parte do Concello para limpar, no se executaron ditos traballos. Deste xeito, a Xunta actuará de oficio e posteriormente remitiralle as costas aos propietarios/as dos terreos de monte onde se actuou. A Xunta de Galicia limpará de oficio, como máximo ao ano, 5 hectáreas.

Se a superficie total das parcelas, nas que hai que actuar de oficio, é superior a 5 hectáreas, terá que ser o Concello o que tramite ou execute ese traballo de limpeza. Esta nova foi recibida con satisfacción por parte do goberno municipal de Ames.

Limpeza dos camiños de monte
Outros dos asuntos abordados foi a limpeza de camiños de monte. O Concello de Ames realiza ao longo do ano a limpeza das vías forestais, pero hai moitos outros camiños secundarios de monte, de titularidade municipal, que actualmente non se limpan por falta de medios. Debido a iso o goberno municipal solicitou que se estude a posibilidade de conceder unha axudas aos Concellos para poder abordar este traballo. Dende a Dirección Xeral de Defensa do Monte dixeron que este tema sería estudado.  

Inclusión nas zonas de alto risco de incendio forestal
Por último tratouse a posibilidade de que algunha das parroquias de Ames sexa incluída como zona de alto risco de incendios forestais por parte da Xunta de Galicia. Para iso a propia Xunta terá que estudar os índices de posibilidades de incendios forestais que existe nas parroquias amesás.

A inclusión nas zonas de alto risco de incendio forestal (ZAR) permítelle aos veciños e veciñas con parcelas incluídas na rede secundaria de faixas de xestión de biomasa, chegar a un acordo coa Xunta para que sexa SEAGA a que execute a limpeza de ditas parcelas por un prezo que ten establecido o propio organismo autonómico.

Plantación frondosas

Multimedia

  • Plantación frondosas
  • Plantación frondosas