Solapas principales

O Goberno municipal mantén unha xuntanza coa Consellería de Sanidade para abordar a posible ampliación do centro de saúde de Bertamiráns

Jueves, 20 de mayo de 2021

Este mércores, 19 de maio, o alcalde de Ames, Blas García, e maila concelleira de Sanidade, Luísa Feijóo, mantiveron unha xuntanza co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, coa xerente da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e do Barbanza, Eloína Núñez, e coa directora de Recursos Económicos da Consellería, María Jesús Piñeiro. Tratouse dunha reunión cordial na que a Xunta de Galicia amosou boa disposición en resolver os temas plantexados por parte do Goberno municipal de Ames.

O Goberno municipal de Ames mantivo unha reunión telemática coa Consellería de Sanidade na que se abordaron diferentes temas que lle afectan á veciñanza de Ames como son o funcionamento do novo centro de saúde do Milladoiro, a posible ampliación do centro de saúde de Bertamiráns e a situación sanitaria no municipio pola Covid-19. Tanto o alcalde como a concelleira de Sanidade destacan a cordialidade da xuntanza e a boa disposición mostrada pola Xunta de Galicia nas cuestións plantexadas.

Un dos temas abordados foi a posible ampliación do centro de saúde de Bertamiráns. Dende o Concello de Ames trasladouse a necesidade de ampliar este centro de saúde debido ao incremento poboacional de Bertamiráns. Dende a Xunta dixeron que van a realizar un estudo de necesidades tendo en conta o incremento de poboación a medio e longo prazo. Tamén estudarán a posible ampliación do actual ambulatorio se fose posible. En caso contrario poríanse en contacto co Concello para tramitar a posible cesión dunha parcela para executar un novo centro de saúde.

Ademais, cómpre lembrar que actualmente a Consellería de Sanidade está executando obras no actual edificio do centro de saúde de Bertamiráns, para a substitución da cuberta e lucernario actual por unha cuberta de panel sándwich e a colocación de tubos solares para iluminación en substitución do lucernario. Tamén se vai remodelar a área de recepción, para deixar máis espazo libre no primeiro andar, e ampliar o seu acceso. Ademais, colocarase unha porta corredoira para independizalo do PAC e modificar a zona de acceso. No proxecto tamén se contempla o pintado exterior e interior da edificación, entre outros traballos.  

O alcalde de Ames, Blas, García, destacou a cordialidade da reunión mantida na xornada de onte coa Consellería de Sanidade. “Plantexamos varias cuestións relacionadas coa mellora do funcionamento do centro de saúde do Milladoiro e tamén coa posible ampliación do centro de saúde de Bertamiráns. Dende a Consellería mostraron boa disposición para atender ditos asuntos. Agora que dispoñemos no Milladoiro do ansiado novo centro de saúde, trataremos de ampliar, se é posible, o ambulatorio de Bertamiráns, xa que o actual, tal e como sucedeu no Milladoiro, quedou pequeno debido ao forte incremento de poboación experimentado en Ames durante as últimas décadas”.

Centro de saúde do Milladoiro  
Por outra banda, falouse sobre a posta en marcha do novo centro de saúde do Milladoiro que abriu as súas portas a comezos de ano. Dende o Goberno municipal de Ames trasladaron varias deficiencias detectadas no funcionamento, remitidas pola veciñanza, que atinxen á atención presencial e ao servizo de atención para sacar cita a través do teléfono. Sobre estas cuestións dende a Consellería dixeron que se vai ampliar o persoal administrativo (PSX) e tamén que se está realizando unha proba piloto en varios centros de saúde para dotar aos ambulatorios galegos dun programa para obter cita chamando por teléfono. Este programa permitirá rechamar a todas aquelas persoas que non foron atendidas no momento que fixeron a súa chamada para obter cita.

Dende a Xunta tamén manifestaron que se vai a reforzar a atención presencial nos centros de saúde do Milladoiro e Bertamiráns con novos/as facultativos/as. Dito reforzo está contemplado no Plan galego de saúde.  

A concelleira de Sanidade, Luísa Feijóo, agradece “a boa disposición e a dispoñibilidade, sobre todo nestes momentos sanitariamente complexos, por parte da Consellería que mostra gran sensibilidade á hora de solventar a problemática actual da Atención Primaria que lle trasladamos así como a vontade en canto ao reforzos de persoal que se lle plantexaron”.

Por último abordouse a situación sanitaria actual no concello de Ames pola Covid-19. Dende a Consellería de Sanidade dixeron que a situación está estable.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Los centros de salud de O Milladoiro y Bertamiráns aumentarán su plantilla"

Imaxe da reunión coa Consellería de Sanidade

Multimedia

  • Imaxe da reunión coa Consellería de Sanidade
  • Imaxe da reunión coa Consellería de Sanidade