Solapas principales

O Goberno municipal mantivo contactos cos grupos da oposición para a aprobación do Orzamento municipal 2023

Sábado, 10 de diciembre de 2022

O pasado xoves, 24 de novembro, dende a Concellería de Economía e Facenda enviouse o borrador do anteproxecto de Orzamentos 2023 do Concello de Ames aos representantes dos grupos da oposición: Partido Popular e Grupo Mixto integrado polo representante de Ames Novo e Ciudadanos. Dende ese momento abriuse un prazo de 7 días para que os diferentes grupos fixeran as súas achegas rematando o prazo o xoves 1 de decembro de 2022. O Goberno municipal xa recibiu as propostas do Partido Popular que están a ser obxecto de estudo.

O pasado xoves, 24 de novembro, o Goberno municipal representado polo alcalde, Blas García, a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, e os/as concelleiros/as David Santomil e Luísa Feijoo, en calidade de voceiros/as dos grupos municipais do BNG PSOE, xuntáronse cos voceiros/as dos grupos da oposición, Oliva Agra (grupo municipal do PP), Quique Costas de Ames Novo (grupo mixto) e Ramón Oulego de Ciudadanos (grupo mixto) para presentarlles o borrador do Orzamento municipal de 2023.

Nas xuntanzas mantidas, o Goberno municipal trasladoulle aos grupos da oposición a necesidade de ter aprobados os orzamentos municipais de 2023 antes de finalizar o ano, para que poidan entrar en vigor a principios de ano. Segundo explican dende o propio Goberno municipal “tendo en conta que o próximo ano é ano electoral, a prioridade do Goberno local é poder dispor desta ferramenta para poder continuar coa xestión municipal adaptada ás novas necesidades que permitirán seguir ampliando e reforzando servizos e implementando programas e políticas nas distintas áreas, así como consolidando iniciativas novas dinamizadoras da economía local amesá que se puxeron en marcha durante a pandemia e que continuarán no 2023”.

O Orzamento que finalmente se presentará, á espera de ultimar a negociación pendente, achegarase a cifra de 30.000.000 euros e reforzará e dará resposta ás novas necesidades que xorden nas distintas áreas, ampliando servizos e reforzando para iso tamén o capítulo de Persoal (Capítulo I).

Precisamente, este pasado mércores, 7 de decembro, celebrouse á Mesa Xeral de Negociación que levaba como único punto a negociación dos cadros de persoal do Orzamento 2023 que acadan unha cifra total de 11.000.000 euros.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, destaca que “fai meses que levamos traballando no Orzamento municipal 2023 para que poida entrar en vigor a principios de ano. Seguimos reafirmando a importancia de ter un orzamento en vigor como ferramenta de xestión adaptado ás novas necesidades e demandas. Sabemos que o próximo ano é ano electoral e por responsabilidade temos que intentar aprobalos canto antes. Desde o Goberno estamos moi contentos de poder aprobar o sétimo orzamento consecutivo no noso Concello, e por iso centramos os esforzos nesta tarefa para seguir dando respostas e mellorando a vida da veciñanza amesá”.

O Goberno municipal trasladoulle aos grupos da oposición a necesidade de ter aprobados os orzamentos de 2023 antes do remate do ano