- Tematica
O salón de plenos da Casa do Concello acolleu o pasado martes , 25 de xuño, unha nova xuntanza do Consello Escolar Municipal de Ames, onde o Goberno presentou unha proposta sobre a modificación da Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación dos servizos complementarios educativos e de conciliación así como do borrador para a modificación do Regulamento da Rede municipal de comedores escolares, Bos Días Cole e Tardes Divertidas. Dita proposta recolle engadir novos tramos ás cotas de comedor, incrementalas en comedor, lúdicos e Escola de verán entre o 10,5%-11% e non modificar os programas Bos Días e Tardes Divertidas durante o curso 2024-2025. Nos seguintes cursos modificarase a ordenanza para todos os servizos de conciliación conforme ao IPC.
Tendo en conta que segundo as liquidacións dos últimos anos o Concello está soportando cada vez maior gasto no servizo de comedores e nos servizos de conciliación de lúdicos e Escola de verán, considerouse necesario modificar a ordenanza fiscal, xa que desde o ano 2012 os prezos dos diferentes servizos non sufriron variación. Esta revisión de cotas obedece exclusivamente a que os servizos de Conciliación do Concello de Ames poidan seguir mantendo o nivel de calidade que teñen ata o de agora, e que fixeron deles un referente en toda Galicia.
Dende o departamento de Educación elaborouse un informe técnico – económico para determinar os custes sobre todos os servizos complementarios (Bos Días, tardes Divertidas, Comedor escolar, programas lúdicos e a Escola de verán) de cara a levar a cabo unha modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación dos servizos complementarios educativos e de conciliación de vida familiar e laboral do Concello de Ames. Dito estudo foi elaborado en base ao número de usuarios/as que houbo no ano 2023, e que en comedores rondan os 1500. Tendo en conta isto, o custe mensual do comedor quedaría en 148,27 euros e o custe diario en 8,42 euros. Acordouse neste Consello que nos vindeiros meses se realizará un estudo de custes máis pormenorizado no que se incluirán, ademais, outros aspectos como os investimentos.
Novos tramos ás cotas de comedor escolar
En dito Consello Escolar acordouse manter unha nova xuntanza o 17 de xullo co obxectivo de recoller as achegas das distintas partes que compoñen o Consello Escolar e de que a modificación desta ordenanza entre en vigor no vindeiro curso 2024-2025. Deste modo concédese un prazo de tres semanas para que se presenten as propostas que se debaterán no vindeiro Consello Escolar do mes de xullo.
Por último, no segundo punto da orde do día tratouse a modificación do Regulamento da Rede municipal de comedores escolares, Bos Días Cole e Tardes Divertidas do Concello de Ames. Sobre ese asunto a concelleira de Planificación e Xestión Educativa indicou que no borrador que se achega intentouse recoller todo o falado e acordado durante as xuntanzas mantidas pola comisión encargada da súa modificación, aínda así volveuse a solicitar as achegas que se consideren por parte dos distintos membros do Consello Escolar co obxectivo de aprobalo pasado o verán.
Membros do Consello Escolar Municipal
O Consello Escolar Municipal de Ames estivo presidido polo alcalde, Blas García, e pola concelleira de Educación, Carmen Porto. Como secretaria actuou a técnica do departamento de Educación, Rosa García. Ademais, participaron como vogais: Silvia Seoane Coto, mestra da escola infantil de Covas; María Luisa Quintáns, mestra da escola infantil de A Igrexa; Maía Carmen Liñares, directora do CEIP de Agro; Ángeles Ferrón, directora da EEI de Milladoiro; Felisa Ulloa, xefa de estudos do EEI de Milladoiro; Alonso Caxade, director do CEIP de Barouta; María Pérez, directora do CEP de Ventín; Elvira Birichinaga, xefa de estudos do CEP de Ventín; Oliva Agra, grupo municipal do Partido Popular; Pablo Beiroa, concelleiro do grupo municipal do PP de Ames; Rosalía Seijas, concelleira do grupo municipal do BNG; Luisa Feijóo, concelleira do grupo municipal Espazo Común; e Gustavo Nieto, concelleiro do grupo municipal do PSOE.
Tamén participaron como vogais: Rebeca Piñeiro, ANPA do IES de Milladoiro; Ana Casal, ANPA do CEIP de Agro do Muíño; Carolina Moscoso, ANPA do CEIP de Agro do Muíño; Pilar Louro, ANPA do CEIP de Agro do Muíño; Ana Gil, ANPA do IES de Ames; Susana Torrente, ANPA do IES de Ames; Susana Rodeiro, ANPA A Maía; Rosario Rodil, ANPA A Maía; María Armas, ANPA A Maía; Margarita Murillo, ANPA Ventín; Belén Carneiro, ANPA IES Milladoiro; Noemí Queizás, ANPA Millapeques; Patricia Pérez, ANPA Millapeques; Ángela Rego, ANPA Millapeques; Davinia Marí, ANPA Barouta; e Félix Paz, de CIG Ensino.