- Tematica
O Goberno municipal mantivo esta semana unha xuntanza coas asociacións veciñais das parroquias de Ortoño, Bugallido e Biduído co obxectivo de presentarlles a proposta alternativa enviada pola Dirección Xeral de Mobilidade para reforzar os servizos de autobús entre Ortoño e Bugallido con Santiago de Compostela. Cómpre lembrar que en dita proposta recóllese o incremento de frecuencias na liña que conecta as parroquias de Ortoño e Bugallido con Santiago, no marco da concesión de autobús interurbano. Ademais, optimiza o número de servizos da nova liña municipal, que deberá poñer o Concello para completar a oferta aos/ás usuarios/as. Os representantes das asociacións deron por boa dita proposta, aínda que se lle vai solicitar á Xunta a modificación dos horarios de ida e volta con Santiago de Compostela en catro frecuencias.
O obxecto da xuntanza mantida esta semana na Casa do Concello, en Bertamiráns, foi trasladarlle e informar aos representantes das asociacións de veciños de Ortoño, Bugallido e Biduído sobre a proposta que lle enviou a Dirección Xeral de Mobilidade ao Concello de Ames. Preme nesta ligazón para cosultar os horarios das frecuencias da liña XG807022 de Extramundi de Enriba a Santiago EI e da SIMU XG80710001 de Alcalde Lorenzo a Santiago EI.
A proposta presentada pola Dirección Xeral de Mobilidade asume, por unha banda, un incremento de frecuencias na liña que actualmente conecta as parroquias de Ortoño e Bugallido con Santiago de Compostela, no marco da concesión de autobús interurbano da Xunta vixente. Concretamente, de luns a venres incrementaríase unha frecuencia de ida sentido Santiago e dúas frecuencias de volta. Os sábados habería dous novos servizos, tanto á ida como á volta, ao igual que os días festivos. Os domingos incrementaríase un servizo de ida cara a Santiago e outro de volta cara ás parroquias de Ames.
Servizo de interese municipal
Por outra banda, a proposta da Xunta optimiza o número de servizos que formarían parte da nova liña do servizo de interese municipal, entre a rúa Alcalde Lorenzo e a estación intermodal de Santiago, que debe poñer en marcha o Concello de Ames e que viría complementar a oferta de servizos conforme ás peticións comunicadas polo propia Administración local. Preme nesta ligazón para consultar os horarios da nova liña do servizo de interese municipal.
Concretamente, a proposta da Xunta prevé que o servizo de interese municipal do Concello realice 5 frecuencias de ida e 3 de volta todos os días da semana, con horarios que non se solapen coas frecuencias da liña interurbana de Extramundi de Arriba a Santiago. Os sábados propóñense 4 servizos de ida cara a Santiago e 4 de volta; e os domingos e festivos, 3 servizos desde a rúa Alcalde Lorenzo de Ames e 2 de volta desde a estación intermodal de Santiago.
Modificación dos horarios en catro frecuencias
A resposta das asociacións veciñais foi positiva e amosaron a satisfacción pola melloría lograda dende a primeira proposta presentada por parte da Xunta. Aínda así os/as representantes das asociación veciñais plantexáronlle ao Goberno municipal a modificación dos horarios de ida e volta con Santiago de Compostela en catro frecuencias. Deste xeito, dende o Concello enviaráselle dita modificación á Xunta para que a teñan en conta e, se é posible, a apliquen á última proposta enviada.
O alcalde, Blas García, explicou que “as modificacións nos horarios trasladadas polas asociacións son mínimas polo que agardamos que sexa posible aplicar ditos cambios. Agora toca agardar pola resposta da Xunta e que comece a funcionar o servizo o antes posible. O Concello xa dispón dunha partida orzamentaria para poñer en funcionamento o servizo de interese municipal (SIMU), que funcionaría entre a rúa Alcalde Lorenzo e maila estación intermodal de Santiago, como complemento da actual concesión de autobús interurbano”.
Para dar a coñecer as novas frecuencias e horarios que se porán en marcha, dende o Concello de Ames están estudando a posibilidade de elaborar un folletos informativos nos que se recollan todas as liñas que operarán polas parroquias de Ortoño, Bugallido e Biduído co obxectivo de que a veciñanza estea informada e empregue dito servizo.
Servizo en Fraíz e na Moniña
Por outra banda, dende o Goberno municipal sinalan que están en contacto co Concello de Santiago para dar solución á falta de servizo que seguen tendo os/ás usuarios/as dos lugares de A Moniña e Fraíz.
O rexedor municipal tamén destacou “a boa dispoñibilidade e o entendemento coa conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xa que despois da última xuntanza mantida no mes de decembro por este asunto fomos capaces de chegar a un acordo e atopar unha solución que vai a beneficiar aos veciños e veciñas de Ortoño, Biduído e Bugallido”.
Blas García tamén incidiu no gran traballo feito entre o Concello de Ames e mailas asociacións veciñais coa Dirección Xeral de Mobilidade. “Isto demostra que cando se traballa na mesma dirección o traballo dá resultado. Foron varios meses de traballo conxunto, polo que teño que agradecerlle ás asociacións a súa implicación e colaboración”.
Novas relacionadas
La Voz de Galicia: "El conflicto sobre las carencias del bus en el rural de Ames finaliza con acuerdo vecinal"
El Correo Gallego: "Veciños piden cambios en catro viaxes do bus a Santiago"
Enfoques: "Ames pedirá a la Xunta modificar horarios en cuatro frecuencias del autobús a Santiago"