Solapas principales

O Goberno municipal reúnese co Ministerio de Fomento para abordar a humanización da avenida de Rosalía de Castro do Milladoiro

Sábado, 06 de febrero de 2021

O alcalde de Ames, Jose Miñones, mantivo esta semana unha xuntanza telemática co Secretario Xeral de Infraestruturas, Sergio Vázquez Torrón e o Director Xeral de Estradas, Javier Herrero Lizano do Ministerio de Fomento. Nesta reunión acordouse que o Ministerio de Fomento redactará o proxecto de modificación da rotonda que dá acceso ao Milladoiro en base ao documento xa existente. Ao longo deste ano buscarase financiamento para este proxecto de cara a poder executalo. A idea é levar a cabo unha actuación que permita o acceso directo ao polígono desde a SC-20, así como de saída desde o núcleo urbano cara Santiago. Este proxecto realizarase en coordinación coa empresa INOR (Ingeniería del Noroeste), que está elaborando o proxecto de humanización da avenida de Rosalía de Castro. Ademais, abordouse a posible transferencia da avenida de Rosalía de Castro ao Concello de Ames.

Na reunión telemática o rexedor municipal expúxolles o estudo do proxecto de humanización da N-550, ao seu paso polo núcleo urbano do Milladoiro, que vén de contratar o Concello de Ames coa empresa INOR de Santiago de Compostela, e que consistirá na realización de estudios topográficos e de medición da avenida actual, nun tramo de 1,3 quilómetros, desde a rotonda de entrada ao Milladoiro, situada no municipio de Santiago, ata a de saída, situada no municipio de Teo.

O obxectivo é adaptar este estudo ao proxecto de reforma da rotonda de acceso á localidade do Milladoiro, que vai redactar o Ministerio de Fomento ao longo deste ano. O alcalde de Ames, Jose Miñones, explica que "para esta actuación xa existe un anteproxecto que ten un orzamento de 5 millóns de euros, pero que requirirá dun modificado para adaptalo á humanización da avenida de Rosalía de Castro".

Proxecto de reforma da rotonda de acceso ao Milladoiro
A través desta actuación preténdese executar unha vía en altura, que dea acceso directo dende a SC-20 ata o parque empresarial do Milladoiro e outra vía de saída dende o parque empresarial cara a SC-20. Isto permitirá que os vehículos non teñan que acceder a través da rotonda existente actualmente, o que aliviará o tráfico existente en dita rotonda e os atascos que se provocan actualmente.

No anteproxecto tamén se recolle un paso subterráneo con dous carrís de ida, dende a SC-20 cara O Milladoiro, e outros dous carrís de volta do Milladoiro cara a SC-20. Aí é onde o anteproxecto terá que reformarse. O proxecto municipal de humanización da avenida de Rosalía de Castro recolle a posible eliminación dun carril en cada sentido de circulación, pasando de catro carrís a dous, quedando un único carril de circulación a cada lado da avenida de Rosalía de Castro.

Miñones explica que "a idea de humanizar a avenida de Rosalía de Castro é reducir de catro carrís a dous. Polo tanto, se o paso subterráneo da rotonda conta con catro carrís, iso provoca unha aceleración do tráfico de vehículos tanto na entrada como na saída do Milladoiro e iría en prexuízo na humanización que se está buscando. A actuación que se faga na rotonda ten que ir de xeito proporcional ao proxecto de humanización que faga o Concello".

"Unha vez explicado o proxecto municipal, dende Fomento aceptaron revisar o anteproxecto, de xeito que van a reformular o paso subterráneo e potenciar a conectividade co parque empresarial, que é unha das prioridades. É dicir, facer un enlace directo de Santiago ata o parque empresarial sen pasar pola rotonda, e o mesmo de saída do Milladoiro. Nos próximos meses prevese ter un borrador do proxecto e ver se teñen financiamento para poder executalo este ano ou, polo menos, licitalo", explica o alcalde de Ames.

Transferencia da avenida de Rosalía de Castro
En canto á transferencia da N-550 ao seu paso polo Milladoiro, dende o Ministerio de Fomento afirman que para que dita transferencia sexa posible necesitan dispor dunha vía alternativa de propiedade nacional. A única vía de titularidade de Fomento é a nacional, pero dende o Goberno municipal explicóuselles o sistema de desvío de tráfico pesado que se está realizando actualmente a través da autoestrada AG-56 e do corredor AC-522.

Miñones destaca que "esta idea tivo boa acollida por parte de Fomento e podería ser das primeiras veces que fagan algo parecido, o que terá que ser estudiado xuridicamente polo Ministerio".

Desde Fomento veno viable baixo unha motivación de seguridade e de eficiencia enerxética coa redución da contaminación e emisións de CO2.

"Cren que ambos proxectos poden chegar a executarse. E, no caso de que non se poida xuridicamente facer a transferencia da nacional, faríase un convenio entre Concello e Fomento para o uso cotiá da nacional por parte do Concello. Seguirían sendo eles os titulares pero poderiamos regular nós dende o Concello o tráfico internamente, entre outras cousas", finaliza dicindo o rexedor.

Nos vindeiros meses pecharanse ambos proxectos de cara a seguir avanzando na humanización da N-550, obxectivo principal do Concello.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Transportes redactará este año el estudio para desviar el tráfico de O Milladoiro"

El Correo Gallego: "Piden un vial directo al polígono para así humanizar O Milladoiro"

Imaxe da rotonda de acceso ao Milladoiro

Multimedia

  • Imaxe da rotonda de acceso ao Milladoiro