Solapas principales

O Goberno municipal visita as melloras executadas na parroquia da Ameixenda e Covas

Martes, 03 de enero de 2023

O alcalde de Ames e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, achegouse aos lugares de Montemaior e Covas co fin de revisar as obras realizadas. O proxecto, no que se investiron preto de 59 mil euros, inclúe actuacións na pista de Montemaior a Cortegada e en tres pistas de Covas. O alcalde estivo acompañado pola concelleira de Atención veciñal, Susana Señorís, e do concelleiro do Rural, Santiago Márquez.  O proxecto está incluído no Plan de mellora de camiños 2022-2023 da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, e engloba reformas ao longo de preto de quilómetro e medio de viarios de titularidade municipal.

O Goberno municipal visitou dúas novas actuacións no rural amesán. Trátase das obras de mellora levadas a cabo na parroquia da Ameixenda e na de Covas. O proxecto está incluído no Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2022-2023 de AGADER e tiña un orzamento de 58.936,68 euros a repartir entre a obra de mellora das pistas de Montemaior a Cortegada e de Covas.

A través das melloras xa executadas no viario de Montemaior a Cortegada ampliáronse os 465 metros da pista, aumentando 50 centímetros a cada marxe ao abrir o terreo e cubrilo con capas de saburra, pedra e pavimento. Ademais, reformouse a capa de rodaxe e reparáronse as fochancas. Esta parte da obra, que conta cun orzamento de 36.895,89 euros, rematouse coa sinalización horizontal e a colocación dun sinal de stop.

Seguidamente visitaron os tres treitos executados na parroquia de Covas e que contaron cun orzamento de 22.040,79 euros. En total melloráronse 1.030 metros de pistas en Covas. No primeiro treito, xa asfaltado, reparáronse as fochancas, perfiláronse as mordentes e aplicouse tratamento asfáltico e de selado. Nos outros dous, pavimentados con saburra, procedeuse á apertura de caixa e á reposición do pavimento cunha nova capa de saburra artificial. Finalmente, colocáronse dous sinais de stop.

Deste xeito, o alcalde de Ames e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, a concelleira de Atención veciñal, Susana Señorís, e o concelleiro do Rural e Participación Cidadá, Santiago Márquez, desprazáronse ao núcleo de Montemaior para coñecer de primeira man as obras executadas na parroquia da Ameixenda. Do mesmo xeito, visitaron tamén as tres pistas acondicionadas na parroquia de Covas.

Estas obras súmanse a outros proxectos aprobados recentemente polo Concello de Ames relacionados coas infraestruturas e a seguridade viaria no rural. Neste senso, foron licitadas por 119.428,85 euros un conxunto de 40 actuacións no rural, incluídas nos Orzamentos Participativos de 2020. Ademais tamén se aprobaron o asfaltado das vías de acceso e dos interiores do núcleo das Punxeiras, cun orzamento base de 175.148,95 euros, ou as obras de asfaltado dos interiores do núcleo do Instrumento e da parte norte de Lapido, por 183.286,40 euros, as tres parte do Plan Ames Progresa 2021-2023.

O alcalde de Ames e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, destacou "Seguimos mellorando pistas e accesos ao rural do noso concello, aproveitando neste caso unha axuda da administración autonómica que vai a facilitar a comunicación nun núcleo como o de Montemaior, ou o enlace entre dúas parroquias como Ames e Covas".

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Covas y Ameixenda cuentan ya con vías libres de baches gracias a Agader"

O Goberno municipal visita as melloras executadas na parroquia da Ameixenda e Covas

Multimedia

  • O Goberno municipal visita as melloras executadas na parroquia da Ameixenda e Covas
  • O Goberno municipal visita as melloras executadas na parroquia da Ameixenda e Covas
  • O Goberno municipal visita as melloras executadas na parroquia da Ameixenda e Covas
  • O Goberno municipal visita as melloras executadas na parroquia da Ameixenda e Covas
  • O Goberno municipal visita as melloras executadas na parroquia da Ameixenda e Covas