- Tematica
O alcalde de Ames, José Miñones, o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, e a concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, visitaron esta mañá as obras de ordenación e mellora viaria que se realizaron en Cantalarrana e Carballido, na parroquia de Ortoño, Bertamiráns. Durante a visita estiveron acompañados por Pablo Blanco, director da obra, e José Ramón Blanco, ambos do Estudio Técnico Gallego, e José Antonio Gómez, de SYR-AMG S.L., a empresa encargada de executar os traballos.
As obras de ordenación e mellora viaria que se desenvolveron nos núcleos de Cantalarrana e Carballido nos últimos meses foron adxudicadas o pasado mes de xaneiro á empresa SYR-AMG S.L. por un importe de 74.426,62 euros, IVE incluído. Ditas actuacións están incluídas no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concello) “POS+2018” da Deputación da Coruña.
A través destes traballos buscouse a mellora do estado actual dos viarios e a seguridade na zona, polo que o proxecto consistiu en na mellora da capa de rodaxe con cinco centímetros de aglomerado en quente a toda a plataforma, dividida en tres treitos de 170x4,00, 530x4,00 e 310x4,00 m, así como 100 m2 de sobreanchos, previa reparación de fochancas e perfilado de mordes, e previo emprego de 12 centímetros de zahorra, dez de grava e tratamento asfáltico semiprofundo en ampliación da superficie pavimentada ambos lados (0,50m. a cada lado) dentro da plataforma actual dos viarios, nos dous últimos treitos (530 e 310 m.).
Tamén se executaron 618 metros de cuneta de seguridade revestida de formigón, baixo a que se canalizou tubería de polietileno corrugado de 315 centímetros de diámetro e executáronse 18 arquetas con sumidoiro para a recollida de augas pluviais. Por último, procedeuse á limpeza de gabias e salvagabias para o correcto drenaxe lonxitudinal e transversal, á sinalización horizontal con pintado de liñas en bordes e símbolos e unha partida para adaptación de pozos e arquetas á nova rasante.
O alcalde José Miñones valorou de xeito moi positivo estas obras, xa que "ademais de mellorar a estrada, incorporouse unha cuneta revestida que mellora notablemente a seguridade peonil". O rexedor incidiu na posibilidade de ampliar as accións na zona ao apuntar que o Concello vai estudar, xunto coa Policía Local, a posibilidade de fixar en Cantalarrana un sentido único na circulación "posto que isto é un proxecto moito máis amplo que pretende reordenar toda a zona da rúa Fontaldeiro".
O concelleiro de Obras, pola súa banda, recalcou a importante aposta que se está a facer en Ames por mellorar as rúas e viais municipais en todo o concello, ao abeiro da cal "nestes días estamos a desenvolver unha ducia de obras en todo o municipio, que se incrementarán durante o verán".