- Tematica
Co obxectivo de apoiar a creación artística do tecido profesional e empresarial, a Concellaría de Cultura do Concello de Ames oferta residencias artísticas no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro para creadores, creadoras e compañías profesionais que desenvolvan as súas liñas de traballo nos ámbitos das artes escénicas. O Grupo Chévere e a compañía de Fran Sieira foron dúas das compañías que participaron nesta iniciativa.
A finalidade última deste proxecto é apoiar a creación artística do tecido profesional e empresarial, facilitando espazos e equipamento para o ensaio e produción de proxectos escénicos. A cambio, as compañías deben propoñer actividades pedagóxicas orientadas á comunidade educativa, de promoción do teatro, orientadas á creación de novo público e á estrea das novas producións.
Foron varias as compañías que solicitaron o espazo para os ensaios desde a aprobación do regulamento. Este ano, o Grupo Chévere ensaiou a súa nova produción “Helen Keller a Muller Marabilla”, que se estreou recentemente en Santiago e chegará a Ames o venres 26 de abril. Tamén a compañía de danza de Fran Sieira estivo ensaiando a súa nova produción “Ceibe”, que estreou en Cangas o pasado 1 de marzo e estará en Ames o 12 de abril.
Actividades de mediación
Como actividade de mediación, Fran Sieira compañía de danza realizará un obradoiro práctico para achegar ao público as artes do movemento. Esta actividade terá lugar o 9 de abril, ás 19:00 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. Cunha duración de 90 minutos, este obradoiro busca experimentar desde o movemento normativo que xeran os nosos corpos, analizando tamén canto dese movemento está condicionado polos estereotipos de xénero tradicionais.
Trátase dunha práctica aberta a todo tipo de público maior de 14 anos e para a que non é necesario ter ningunha noción previa sobre danza. Será preciso acudir con roupa cómoda e preparada para moverse polo escenario en calcetíns. As inscricións abren o 18 de marzo. Para participar só hai que enviar un correo a cultura@concellodeames.gal indicando nome, apelidos e un teléfono. Ofértanse un máximo de 20 prazas que se adxudicarán por orde de inscrición.
Pola súa banda, o Grupo Chévere organiza o 24 de abril na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 19:00 horas, un obradoiro para aqueles espectadores que queiran saber máis sobre a obra “Helen Keller, a muller marabilla?” que se representará na Casa da Cultura de Bertamiráns o 26 de abril. O Grupo Chévere estará representando este espectáculo no Centro Dramático Nacional do 15 de marzo ao 7 de abril.
As persoas asistentes poderán plantexar calquera pregunta relativa ao espectáculo, desde o proceso de creación ata as motivacións da obra. Terá unha duración aproximada de 75 minutos. Contarase cunha intérprete en LSE (lingua de signos española), polo que esta actividade será accesible para persoas xordas ou discapacidade auditiva. As inscricións abren o 1 de abril. Para participar só hai que enviar un correo a cultura@concellodeames.gal indicando nome, apelidos e un teléfono. Ofértanse un máximo de 20 prazas que se adxudicarán por orde de inscrición.
Residencias artísticas doutros creadores
A día de hoxe hai máis solicitudes cursadas. No mes de maio Arturo Cobas, que realizará os ensaios e creación da súa obra BAGAGE, ten previsto realizar un obradoiro de danza clown familiar. Ademais, a Compañía Lagriotte levará a cabo un obradoiro pedagóxico-teatral, do teatro físico arredor da figura de Curros Enríquez, amosando de forma lúdica a figura do poeta.
Ademais, o pasado ano Serea Teatro foi unha das compañías que realizou unha residencia no auditorio do Milladoiro para ensaios da obra de teatro “A luz do día, nalgún lugar do mundo, a algunha muller”. O espectáculo está dirixido por Noelia Papín e producido por Serea Teatro, que forma parte da produtora Serea Producións. Como actividade de mediación realizaron unha representación do espectáculo no pasado mes de decembro.