- Tematica
A programación do “AmesON de verán” da Concellaría de Promoción Económica pecha xullo coa actuación do grupo de música cubana Habana Café Son. Será este venres 29, ás 21:00 horas, na praza Manuel Murguía do Milladoiro. O AmesON continuará en agosto e en setembro, con oito concertos máis pensados para dinamizar o comercio local e a hostalaría durante o período estival. Premendo nesta ligazón pódese consultar a programación ao completo do “AmesON de verán” 2022.
Despois da actuación solidaria de Ruth Cundíns a semana pasada, continúa o programa “AmesON de verán” co grupo Habana Café Son, que levará o ritmo da música cubana á praza Manuel Murguía do Milladoiro, o venres 29 de xullo ás 21:00 horas. Con este concerto chégase ao ecuador do AmesON, unha iniciativa que conta con 13 propostas para todos os públicos e con diversidade de xéneros musicais, de xuño a setembro.
Habana Café Son é un trío de música tradicional cubana, formado por Willy Mondeja, no tres cubano; Amaury Quintero, na percusión, e Juan Eugenio Pérez, no contrabaixo. Trátase dun grupo de músicos cunha ampla traxectoria artística, que rescatan nas súas actuacións xéneros como o son, o chachachá, o bolero, a guaracha ou o danzón, entre outros, apostando pola música de Cuba e a fusión de estilos.
Co concerto de Habana Café Son péchase o mes de xullo do programa “AmesON de verán”, que continuará en agosto con sete actuacións máis, a meirande parte delas coincidindo coa celebración das festas da Madalena, do Milladoiro, e da Peregrina, de Bertamiráns, como parte do cartel “Ames en Festas”. Deste xeito, MJ Pérez e Cé Orquestra Pantasma serán as seguintes paradas do AmesON, o domingo 7 e o luns 8 no Milladoiro.