Solapas principales

O Grupo Municipal de Teatro de Ames estréase este sábado 16 con “Aquí non paga ninguén”

Martes, 12 de julio de 2022

A Casa da Cultura do Milladoiro acolle este sábado 16 de xullo a representación de “Aquí non paga ninguén”, a estrea do Grupo de Teatro Municipal de Ames. A obra conta a historia das veciñas dun edificio, que asaltan o supermercado do barrio fartas da súa situación económica e que tratarán de evitar con mentiras rematar no cárcere. Será a partir das 20:30 horas, con convites de balde que xa se poden retirar na Billeteira electrónica do Concello de Ames.

Malia ser escrita en Italia no 1974, a comedia “Aquí non paga ninguén”, unha das máis representadas do dramaturgo transalpino Dario Fo, mantén a día de hoxe unha rabiosa actualidade. Trátase dun relato da inflación e da precariedade, unha crítica aos recortes en dereitos laborais e aos salarios para conseguir máis beneficios, e unha mostra da falta de compromiso e do conformismo de parte da clase política.

A obra mostra ás veciñas dun edificio de clase humilde, que ante o auxe dos prezos dos alimentos, deciden asaltar e roubar no supermercado do seu barrio. Rodeadas de gardas civís, de policías e da falta de cooperación dos seus maridos, as protagonistas tecerán unha rede de mentiras para conseguir saír da súa aventura sen rematar no cárcere.

Esta proposta é a primeira representación do Grupo de Teatro Municipal de Ames, que na súa estrea contará cun reparto formado por Emilia Mayo, como Vicenta; Carmela Pardal, como Amparo; Maite Fajardo, que fará de Antonia; Marisol Mosquera, como Amalia; Noelia Mayán, como Adela; Gene Martínez, que será Margarita; Pablo Núñez, como Xoán; Ilduara García, que fará de inspectora, de garda civil e de empregada, e Carlos Labraña, como Luis. Os convites, de balde, xa se poden retirar na Billeteira electrónica do Concello de Ames.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "O Milladoiro acollerá a primeira obra do grupo municipal de teatro"

O Grupo Municipal de Teatro de Ames estréase este sábado 16 con “Aquí non paga ninguén”

Multimedia

  • O Grupo Municipal de Teatro de Ames estréase este sábado 16 con “Aquí non paga ninguén”