Solapas principales

O Grupo Municipal de Teatro de Ames representa en Bertamiráns a comedia “Aquí non paga ninguén”, o xoves 27

Viernes, 21 de octubre de 2022

O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns vai acoller o próximo xoves 27 de outubro a representación de “Aquí non paga ninguén”, do Grupo de Teatro Municipal de Ames. A obra conta a historia das veciñas dun edificio, que asaltan o supermercado do barrio fartas da súa situación económica e que tratarán de evitar con mentiras rematar no cárcere. Será a partir das 20:30 horas, con convites de balde que xa se poden retirar na Billeteira electrónica do Concello de Ames.

Malia ser escrita en Italia no 1974, a comedia “Aquí non paga ninguén”, unha das máis representadas do dramaturgo transalpino Dario Fo, mantén a día de hoxe unha rabiosa actualidade. Trátase dun relato da inflación e da precariedade, unha crítica aos recortes en dereitos laborais e aos salarios para conseguir máis beneficios, e unha mostra da falta de compromiso e do conformismo de parte da clase política.

A obra mostra ás veciñas dun edificio de clase humilde, que ante o auxe dos prezos dos alimentos, deciden asaltar e roubar no supermercado do seu barrio. Rodeadas de gardas civís, de policías e da falta de cooperación dos seus maridos, as protagonistas tecerán unha rede de mentiras para conseguir saír da súa aventura sen rematar no cárcere.

“Aquí non paga ninguén” foi estreada polo Grupo Municipal de Teatro de Ames o pasado mes de xullo no Milladoiro, e conta cun reparto formado por Emilia Mayo, como Vicenta; Carmela Pardal, como Amparo; Maite Fajardo, como Antonia; Marisol Mosquera, como Amalia; Noelia Mayán, como Adela; Gene Martínez, como Margarita; Pablo Núñez, como Xoán; Ilduara García, como inspectora, de garda civil e de empregada, e Carlos Labraña, como Luís.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Representación do grupo de teatro municipal o 27"

O Grupo Municipal de Teatro de Ames representa en Bertamiráns a comedia “Aquí non paga ninguén”, o xoves 27

Multimedia

  • O Grupo Municipal de Teatro de Ames representa en Bertamiráns a comedia “Aquí non paga ninguén”, o xoves 27