- Tematica
Este domingo, 12 de novembro, ás 19:00 horas, o grupo municipal de teatro representará na Casa da Cultura de Outes a obra que estrearon o curso pasado en Ames “Non podo máis!”. Trátase dunha comedia irreverente sobre os aspectos da vida que conseguen descolocarnos e sacarnos dos nosos cabais. A obra é unha escolma de escenas seleccionadas e creadas baixo esta premisa para conseguir así a complicidade e o sorriso dun público que ben se podería sentir identificado en moitas delas.
O grupo porá sobre o escenario situacións recoñecibles, do día a día, onde a paciencia dos protagonistas será posta a proba. Como reaccionas cando alguén se cola diante túa no supermercado? Ou que fas cando a túa filla adolescente se rebela e quere saír de botellón? Que camiño tomas cando vas a ese restaurante tan caro que che recomendaron e só che serven un prato baleiro chamado aroma de cocido? “Non podo máis!” é unha escolma de escenas seleccionadas e creadas baixo esta premisa para conseguir así a complicidade e o sorriso dun público que ben se podería sentir identificado en moitas delas.
O elenco está conformado por Carmela Pardal, Chelo Cajide, Cris Botrán, Emilia Mayo, Gene Martínez, Ilduara García, Maite Fajardo, Mirela González, Mirella Vázquez e Pablo Núñez.
Este ano o grupo está formado por 15 compoñentes. Agora mesmo están en proceso de formación, traballando habilidades teatrais e facendo dinámicas de grupo, e sobe todo creando un clima lúdico entre o grupo. En breve comenzarán coa peza que estrearán a finais do curso 2023-2024.
A día de hoxe na Escola de Teatro o alumnado inscrito é de 80 persoas, distribuídos en distintos grupos de idade, e están a traballar xogos teatrais de imitación e expresión corporal. Ao longo do curso inventarán distintas historias recreando situacións cotiás ou noticias do seu interese que logo presentarán en público a finais de curso.