Solapas principales

O IES do Milladoiro acolle unha xuntanza de traballo intersectorial para conmemorar o décimo aniversario da Rede do Milladoiro

Jueves, 13 de marzo de 2025

O pasado martes, 11 de marzo, ás 16:30 horas, o IES do Milladoiro acolleu unha xuntanza de traballo intersectorial para conmemorar o décimo aniversario da Rede do Milladoiro. Este encontro, baixo o lema Restaurando a Rede, pretende ser un espazo de reflexión e celebración do traballo desenvolvido ao longo desta década, ademais de sentar as bases para sementar o futuro.

O evento contou coa implicación dos Equipos Directivos e dos Departamentos de Orientación do CEP de Ventín e o IES do Milladoiro, acordando por primeira vez que o vindeiro ano sexa o colexio de primaria a sede da rede. Deste xeito, establécese un compromiso de continuidade e unifícanse esforzos para realizar unha transición o máis efectiva e afectiva posible entre centros.
 
A maiores participaron na reunión representantes institucionais e sociais, entre eles o alcalde de Ames, Blas García; o concelleiro de Urbanismo, Administración Xeral e Mobilidade, Víctor Fernández; a Inspección educativa, o Equipo de orientación específica da Coruña, representantes das familias, do Centro de saúde, a Garda Civil, o gabinete Coidadosamente e organizacións do terceiro sector como Igaxes, Agareso, Secretariado Xitano e Asemblea de Cooperación pola Paz, entre outras.

Tamén estiveron presentes representantes do profesorado, alumnado e persoal non docente, co obxectivo de fornecer a colaboración entre todos os axentes implicados na educación e o benestar da comunidade.

Análise intersectorial sobre a situación actual e as perspectivas de futuro
Durante a xornada de traballo, levouse a cabo un círculo restaurativo para realizar unha análise intersectorial sobre o camiño percorrido, a situación actual e as perspectivas de futuro, co fin de restaurar e consolidar a rede de cooperación. O obxectivo é mellorar a coordinación, compartir información e optimizar recursos para abordar as realidades sociais e a intervención ante situacións socio-educativas concretas, fomentando así a equidade no ámbito educativo.

A maiores, este espazo permitiu detectar novas necesidades a través dunha breve análise de debilidades e oportunidades no Milladoiro e xurdiron ideas para deseñar proxectos colaborativos novos, reforzar narrativas positivas e dotar ao alumnado de ferramentas para o seu empoderamento como axentes de cambio social.

Eixos centrais da xuntanza
A saúde emocional e os coidados, a convivencia positiva, a inclusión, a interculturalidade, a equidade, o acollemento lingüístico e cultural, os espazos de ocio e tempo libre para a rapazada, a xestión do incremento poboacional, a vivenda e o traballo en rede -entre outros- foron os eixos centrais desta xuntanza.

Presentáronse proxectos colaborativos moi interesantes e propostas piloto para traballar nos centros de xeito coordinado coas ONG´s. Acordouse seguir traballando de xeito sectorial para avanzar sobre os novos retos propostos e acordouse realizar unha nova xuntanza da Rede antes de final de curso.

A Rede do Milladoiro aposta polo traballo conxunto entre institucións e centros educativos, promovendo a cooperación e o apoio mutuo para seguir fortalecendo unha comunidade educativa activa e comprometida.

O IES do Milladoiro acolle unha xuntanza de traballo intersectorial para conmemorar o décimo aniversario da Rede do Milladoiro