Solapas principales

O IES do Milladoiro celebra o seu Entroido Intercultural cunha viaxe gastronómica polo mundo

Jueves, 27 de febrero de 2025

Mañá venres 28 de febreiro, o IES do Milladoiro transformarase nun contedor de convivencia positiva e diversidade cultural coa celebración do seu Entroido Intercultural. Esta iniciativa lúdico-educativa ten como obxectivo poñer en valor a riqueza intercultural do centro, onde convive alumnado de 20 nacionalidades diferentes, e fomentar unha convivencia positiva entre toda a comunidade educativa.

Seguindo o lema do IES do Milladoiro "Somos diferentes, Somos referentes!!!", a actividade central deste evento xirará arredor da cociña como elemento diferenciador e de unión entre culturas. Para iso, organizarase unha exposición de pratos do mundo, onde alumnado e familias compartirán receitas típicas dos seus países de orixe. Grazas a esta colaboración, os asistentes poderán descubrir sabores e tradicións de lugares tan diversos como Angola, Arxentina, Brasil, China, Colombia, Ecuador e moitos máis.

O alumnado terá tamén a sorte de aprender nun obradoiro moi especial dun dos mellores cociñeiros de Galicia, Alejandro Loimil Iglesias, grazas a unha colaboración co CIFP Paseo das Pontes, onde imparte clases de Servizos de Restauración e é Dinamizador da FP Dual. Deste xeito a nosa cultura culinaria tamén estará moi presente.

Evidentemente, non poden faltar os disfraces, as comparsas e a música para celebrar unha auténtica xornada de Entroido no Milladoiro. As actividades comezarán ás 10:50 horas.

O IES do Milladoiro reafirma con este evento o seu compromiso cunha educación inclusiva, na que a diversidade se percibe como unha riqueza e unha oportunidade de aprendizaxe para todas e todos. Convídase a toda a comunidade educativa a participar e a gozar desta xornada especial, onde a tradición e a interculturalidade se dan a man a través da gastronomía.

O IES do Milladoiro celebra o seu Entroido Intercultural cunha viaxe gastronómica polo mundo

Multimedia

  • O IES do Milladoiro celebra o seu Entroido Intercultural cunha viaxe gastronómica polo mundo
  • O IES do Milladoiro celebra o seu Entroido Intercultural cunha viaxe gastronómica polo mundo