Solapas principales

O IES do Milladoiro participa nun programa Erasmus+ e visita a Illa de Sardeña

Martes, 13 de diciembre de 2022

O proxecto Europa de repente, coordinado polo CFR de Vimianzo e en parcería co CEIP Labarta Pose, o IES do Milladoiro e o IES Marco do Camballón realizou a súa terceira mobilidade á illa de Sardeña (Italia) para coñecer as diferentes formas de improvisación oral en verso.

Partillar experiencias educativas, construír cooperación pedagóxica, mellorar competencias e construír rede son algúns dos obxectivos clave do proxecto que vai rematar nas próximas semanas coa mobilidade a Iparralde (Francia). Ao mesmo tempo, o modelo educativo da regueifa e a improvisación oral en verso, creado polo Proxecto Regueifesta, está a ser divulgado a través deste proxecto Erasmus+ nos países aos que se viaxa.

Nesta mobilidade á illa sarda, igual ca nas anteriores mobilidades a Madeira e á Toscana, as persoas docentes do proxecto realizaron numerosas entrevistas e gravacións a persoas de moi diferentes idades para compoñer un documentario que visibiliza cal é a situación actual do repentismo en Europa. Nesta ocasión realizouse observación e intercambio de experiencias con asociacións culturais sardas e graváronse as composición improvisadas propias da illa (gara, mutetu, arrepentina…) cantadas nas diferentes variantes do sardo.

Este traballo ten como obxectivo a creación e desenvolvemento dun proceso no coñecemento, valoración e difusión do noso patrimonio inmaterial en irmandade con outras manifestacións artísticas similares. Un recoñecemento emocional da riqueza da nosa regueifa como impulsora e dinamizadora educativa, social e cultural. Unha experiencia única para crear oportunidades nas que compartir coñecemento, observar metodoloxías novas e fornecer lazos de colaboración entre países veciños que repercutirán positivamente nas nosas aulas.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Recollen a cultura sarda, da Toscana e a de Madeira a ritmo de regueifesta"

Grupo de profesorado que participou dos dous centros (IES do Milladoiro e IES de Vila de Cruces)

Multimedia

  • Entrevista a Bernardo Zizi, o máis recoñecido poeta oral de Sardeña