Solapas principales

O IES Plurilingüe de Ames acolle a exposición “Exilio e Deportación. Joaquín Balboa e Antonio Pérez, de Monterrei e Boborás aos campos nazis” ata finais deste mes

Viernes, 25 de octubre de 2019

O IES Plurilingüe de Ames acolle ata finais deste mes a exposición “Exilio e Deportación. Joaquín Balboa e Antonio Pérez, de Monterrei e Boborás aos campos nazis”. Esta, ten como protagonistas a Joaquín Balboa, republicano galego deportado a Mauthausen, Antonio Pérez, que foi deportado a Buchenwald, e as mulleres republicanas que foron membros da Resistencia en Francia. De pretensión didáctica, a exposición está formada por diversos paneis con información para o coñecemento do proceso histórico e a súa repercusión na vida dos protagonistas.

“Exilio e Deportación. Joaquín Balboa e Antonio Pérez, de Monterrei e Boborás aos campos nazis” é unha exposición formada por varios paneis de cartón pluma onde se relata a historia de varios republicanos españois. Cada panel conta con imaxes, información sobre o tema a tratar e testemuñas, e a través deles é posible coñecer a historia dos protagonistas dende que foron exiliados a Francia cando acabou a Guerra Civil ata que posteriormente foron deportados aos campos de concentración nazis.

A exposición realízase ao abeiro do proxecto europeo “En paradoiro descoñecido”, no que colaboran 20 institutos españois e franceses. O seu obxectivo é sensibilizar e implicar ao alumnado na herdanza cultural para que desenvolvan un pensamento libre, ademais de rescatar da memoria colectiva aos milleiros de persoas desaparecidas durante o Franquismo.

Como viven a exposición os alumnos
Varios alumnos de 3º de ESO do centro percorreron onte a exposición acompañados do profesor de Filosofía Roberto Borral, que os guiou en cada un dos paneis que a conforman. Este último explica que “na exposición nárrase a vida dos deportados e as calamidades que pasaron baixo o réxime dos campos de concentración, dos cales solo chegaron a sobrevivir un terzo deles, xa que moitos se suicidaron ou morreron de enfermidades”.

Os alumnos, permaneceron moi atentos á toda a información que lles proporcionaba o profesor ao mesmo tempo que contestaban cuestionarios sobre o tema a tratar. Encóntrase mergullados neste proceso histórico, xa que ademais de traballar coa exposición, fano tamén con outros materiais audiovisuais e documentais que se encontran anexos ao programa.

Ao remate da mesma, eles mesmos recalcaron a importancia da exposición para “ter conciencia sobre o que pasou para que non volva suceder”, ademais de sorprenderlles o “nivel de deshumanización”.

Asemade, son conscientes de que a exposición conta con bastante actualidade, debido aos acontecementos que teñen lugar sobre a figura de Franco nestes días. Declaran que “hoxe en día, que aínda se lle da voltas ó tema de Franco... son cousas que aínda que pasaron hai tempo é necesario saber que pasou e non se poden esquecer”.

O proxecto “En paradoiro descoñecido”
Os alumnos do IES Plurilingüe de Ames xa se encontran mergullados dende fai meses neste proxecto no que participa todo o alumnado do centro. O pasado mes de abril, realizouse no centro un cinefórum que tamén formaba parte del: “Fascismo e represión. Xustiza e reparación”. Así, “Las 13 rosas”, “El caso Almería” ou “El silencio de otros”  foron algunhas dos materiais audiovisuais proxectados, ademais dos coloquios que se levaron a cabo despois de cada filme.

Este ano tamén están programadas outras actividades, como a visita á Illa de San Simón ou á Cidade da Selva, un campamento da guerrilla antifranquista no entorno dos montes de Casaio. Foi creado na década de 1940 polos fuxidos do réxime que crían na posibilidade de combatelo dun xeito armado agochados nos montes, converténdose nun dos centros de actuación máis importantes da Federación de Guerrillas de León-Galicia.
 
O profesor Roberto Borral engade que o proxecto leva á reflexión “dende un punto filosófico, histórico... no sentido de que os dereitos humanos, o benestar e a felicidade dos cidadáns non sempre van anexos aos avances tecnolóxicos e científicos, e que unha sociedade con grandes recursos deste tipo pode ter moitas carencias a nivel humano”.

Mostra memoria histórica IESP de Ames

Multimedia

  • Mostra memoria histórica IESP de Ames
  • Mostra memoria histórica IESP de Ames
  • Mostra memoria histórica IESP de Ames