Solapas principales

O II Trail e Andaina Ribeiras do Tambre foi presentado hoxe no salón de plenos da Casa do Concello

Miércoles, 05 de febrero de 2020

A segunda edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre celebrarase o próximo domingo 23 de febreiro. Organizado polo Concello de Ames e maila Federación Galega de Atletismo, á súa presentación tivo lugar hoxe no salón de plenos do concello. Asistiron a concelleira de Deportes, Susana Señorís, o delegado da Federación Galega de Atletismo en Santiago de Compostela, Iván Sanmartin, o representante do Real Aeroclub de Santiago, Alex Beiras, e o técnico municipal de deportes, Alberto Viaño. Para participar é necesario inscribirse en www.carreirasgalegas.com ou en www.emesports.es antes do mércores 19 de febreiro ás 23:59 horas.

Esta mañá presentouse no salón de plenos do concello o segundo Trail e Andaina Ribeiras do Tambre, unha proba que se encontra encadrada na especialidade atlética do trail-running e pertence ao calendario oficial da federación Galega de Atletismo, polo que se encontra baixo o control técnico do Comité Galego de Xuíces da Federación.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, recordou que o ano pasado os inscritos foron 340, polo que “agardamos que este ano, polo menos, poidamos acadar as mesmas cifras, e animamos a todos os veciños e veciñas a participar nesta proba”. Ademais agradeceu a colaboración da Federación Galega de Atletismo e a Real Aeroclub de Santiago para a súa disposición na celebración deste tipo de eventos en Ames.

Posteriormente foi a quenda de Iván Sanmartin, delegado da Federación Galega de Atletismo en Santiago de Compostela, que comezou agradecendo primeiro a colaboración tanto ao resto dos integrantes da mesa como a Protección Civil e Policía Local que axudarán ese día na organización do evento. Ademais, recalcou que se trata “dunha ruta espectacular” exaltando a beleza de Ponte Maceira, e explicando que “a andaina está moi enfocada para esa xente que quere realizar un exercicio máis moderado, que non ten presa nin un límite de tempo para facela e por iso se permite a participación de nenos ata dez anos para que poidan ir obrigatoriamente acompañados por un adulto”.

Pola súa banda, o representante do Real Aeroclub de Santiago, Alex Beiras, recalcou que “sempre é un pracer colaborar en actividades deportivas como as que leva tan ben e tanto tempo organizando tanto a federación como o concello”. E engadiu que “somos veciños de Ames e polo tanto non queda outra que participar nestas actividades que ademais nos veñen de marabilla para que a xente participe e visite as instalacións e estamos para o que precisen”.

Horarios, distancias e saídas do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre
O horario de saída do trail será ás 10.00 horas, dende Ponte Maceira. Cunha distancia de aproximadamente 15,23 quilómetros, a meta estará instalada no Real Aeroclub de Santiago, nas instalacións da Ameixenda. Minutos despois, ás 10.05 horas, procederase á saída da andaina, coa mesma saída e mesma meta, e cunha distancia de 14,23 quilómetros. Tanto os participantes do trail como os da andaina serán trasladados en autobús dende o Real Aeroclub de Santiago ata o punto de saída en Ponte Maceira a partir das 8.30 horas.

Categorías e recollida de dorsais
No trail haberá varias categorías: sénior masculino e feminino (18 anos cumpridos), máster 1 masculino e feminino (nados entre 1980-85), máster 2 masculino e feminino (nados entre 1971-79), máster 3 masculino e feminino (nados en 1970 e anteriores) e absoluta masculino e feminino (calquera das categorías anteriores).

Pola contra, na andaina non se establecerán categorías de participación, pero os menores de idade terán que ir acompañados en todo momento por un adulto maior de 18 anos. A idade mínima de participación na andaina é de 10 anos cumpridos o día da proba.

Os dorsais teñen un prezo de 7 euros para os participantes na andaina e de 11 euros para os participantes do trail, e poderán recollerse a partir das 8.30 horas nas instalacións do Real Aeroclub.

Premios e agasallos  
Existirán premios para os/as 3 primeiros/as clasificados/as de cada categoría, ademais de premios aos/ás 3 primeiros/as locais empadroados no Concello de Ames, aos/ás 3 primeiros/as socios/as do Real Aeroclub de Santiago e aos 3 primeiros clubs da clasificación do trail. A entrega de premios levarase a cabo a partir das 12.30 horas nas instalacións do Real Aeroclub.

En canto aos equipos, darase trofeo aos tres primeiros, tanto federados como populares, xunto cun premio metálico aos cinco primeiros equipos da clasificación do trail. Para isto, tomaranse como referencia os seis primeiros clasificados/as de cada equipo, os cales poden ser mixtos. Haberá unha dotación de 150 euros para o primeiro equipo clasificado, 125 euros para o segundo, 100 para o terceiro, 75 ao cuarto e 50 euros ao quinto equipo clasificado.
Ademais, haberá agasallos técnicos pola súa participación tanto para os participantes no trail como na andaina, o cal poderán recoller xunto ao dorsal de competición antes de coller o autobús. Este evento conta coa colaboración do Real Aeroclub de Santiago, Gonzacar, Pazo de Anzuxao, Tropic e Frutas Compostela.

Ames, escenario elixido para a celebración do Campionato Galego de 10 quilómetros en ruta
Iván Sanmartin, delegado da Federación Galega de Atletismo en Santiago de Compostela aproveitou o evento para avanzar que o Concello de Ames é o escenario elixido para a celebración do Campionato Galego de 10 quilómetros en ruta. Despois dunha votación por parte da Xunta directiva, a proposta de Ames foi a elixida por unanimidade para levar a cabo este evento.

Tal como declarou Iván, “son moitas as probas federadas que facemos neste concello”, xa que se trataría da segunda vez que se leva a cabo este campionato en Ames. Por parte da concelleira, Susana Señorís, afirma que “sempre é bo recibir novas na que o noso Concello é escollido para desenvolver probas deportivas”.

Entrega do cheque da Carreira da Familia en 2019 a ASANOG
Antes deste acto, tivo lugar a entrega do cheque co importe recadado na Carreira da Familia en 2019 a ASANOG (Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia). Os representantes da asociación, María de las Mercedes Fernández Baleato e Nicolás Ferreiro Rial, foron os encargados de recollelo.

Novas relacionadas:

Lindeiros: "II Trail e Andaina Ribeiras do Tambre"

Presentación Trail e Andaina Ribeiras do Tambre

Multimedia

  • Presentación Trail e Andaina Ribeiras do Tambre
  • Presentación Trail e Andaina Ribeiras do Tambre