- Tematica
O luns, 11 de setembro, abre o prazo de preinscrición na nova programación das Escolas deportivas do Concello de Ames para o curso 2023-2024. O prazo de preinscrición estará aberto ata o día 17 de setembro. A xestión realizarase telematicamente a través da páxina web de Cronos. Neste prazo de inscrición, cada persoa só poderá inscribirse nunha escola deportiva e non se permitirá a inscrición en máis dun grupo da mesma actividade. Non se poderán facer inscricións de xeito presencial. Nas actividades que haxa máis preinscricións que prazas ofertadas, realizarase un sorteo o 18 de setembro. Non se conceden as prazas por orde de inscrición. A listaxe de admitidos publicarase o 19 de setembro na páxina web do Concello de Ames.
O departamento de Deportes vén de facer pública a oferta das Escolas deportivas para o curso 2023-2024. As actividades organizadas polo Concello de Ames en colaboración coa Deputación da Coruña volverán o luns 2 de outubro de 2023 e rematarán o 15 de xuño de 2023. Preme nesta ligazón para coñecer en detalle as instrucións de preinscrición e mailas actividades ofertadas.
Este curso as Escolas deportivas contan na categoría de formación deportiva con ballet, baile moderno, baloncesto, fútbol sala feminino, fútbol sala mixto, judo, natación, patinaxe, predeporte, squash, tenis, voleibol, xadrez e ximnasia rítmica. Os maiores de 14 anos poderán inscribirse nas actividades do programa “Ponte en Forma”, que inclúe adestramento funcional; aerozumba; ioga; GAP (hipopresivos) – Aerocombat; pilates; spinning, abdominais e glúteos; e ximnasia de mantemento.
As tarifas para o curso completo son de 48 euros para os maiores de 18 anos e de 32 euros para os menores de 18 anos. No caso do segundo membro da unidade familiar serían 16 euros e no dun terceiro membro e seguintes de 8 euros.
Preinscrición
O prazo de preinscrición vai do 11 ao 17 de setembro e realizarase unicamente a través da páxina web de Cronos. No caso dun/dunha menor, primeiro deberá de darse de alta o pai, nai ou titor como titular, confirmar o correo electrónico recibido e despois darase de alta o/a menor como beneficiario/a (prema aquí para ver as instrucións a seguir). A inscrición xerará un número de rexistro que será o número co que se identifique a persoa inscrita na listaxe xerada polo resultado do sorteo.
Neste prazo de inscrición, cada persoa só poderá inscribirse nunha escola deportiva e non se permitirá a inscrición en máis dun grupo da mesma actividade. Non se poderán facer inscricións de xeito presencial. Nas actividades que haxa máis preinscricións que prazas ofertadas, realizarase un sorteo o 18 de setembro. Non se conceden as prazas por orde de inscrición. A listaxe de admitidos publicarase o 19 de setembro na páxina web do Concello de Ames.
A poboación empadroada no concello de Ames poderá inscribirse e formalizar a matrícula durante o prazo de inscrición (no mes de setembro). Durante o curso tamén se poderá inscribir aboando a parte proporcional do custe do curso completo. A poboación non empadroada poderá inscribirse unha vez rematado o prazo de inscrición do mes de setembro e sempre e cando queden prazas libres.
Para máis información sobre as actividades deportivas pódese chamar aos números de teléfono 619 842 504 e 981 535 940. Outra opción é enviar un correo electrónico aos enderezos deportes@concellodeames.gal e deportes.milladoiro@concellodeames.gal.
Método de pagamento
Unha vez publicada a listaxe de admitidos na páxina web municipal o 19 de setembro, as persoas que obtiveran praza deben solicitar a folla de autoliquidación nas Oficinas de Recadación.
Este trámite poderá realizarse a través do correo electrónico ames@canaltributos.com, chamando ao número de teléfono 981 88 48 96 ou realizar a autoliquidación a través da Oficina Virtual Tributaria do Concello (non precisa certificado electrónico) premendo na opción de “pagar taxas”. Outra opción é acudir de xeito presencial ás oficinas da praza Horta de Abaixo, nº 6 en Bertamiráns ou na rúa Viorneira, nº 6 no Milladoiro.
Unha vez feita a autoliquidación no prazo estipulado (do 19 ao 26 de setembro), non é preciso entregar o resgardo de pagamento, dado que este chega automaticamente. Se non se realiza o pagamento no prazo establecido, a preinscrición quedará anulada.
Inscrición ao longo do curso
Cada mes sacarase unha listaxe coas prazas libres e estas iranse cubrindo por orde de solicitude. Neste caso, o alumnado inscrito nunha actividade poderá matricularse noutra na que quedasen prazas libre. No suposto de inscricións unha vez comezado o curso, o importe da cota será o resultante de multiplicar a tarifa mensual (incluído o mes da propia inscrición), polo número de meses que restan para rematar o curso.
Baixas
No caso de baixa, estas deberán tramitarse por escrito. A cota poderá devolverse en supostos de baixa por forza maior (enfermidade acreditada). Se o alumno/a acumula cinco ou máis faltas inxustificadas durante un mes, poderá darse de baixa de oficio e ofrecerlle a praza a outra persoa.